Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A construción dunha pista entre Camelle e Traba destruiría un treito de costa virxe

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) expresa a súa enorme preocupación polos prexuízos ambientais que suporía a construción dunha pista entre Mordomo, en Traba (Laxe), e Camelle (Camariñas), na Costa da Morte. A pista
discorrería por un treito costeiro que integrará a Rede Natura 2000 e destaca pola súa excepcional paisaxe, ao se atopar nun estado de presión urbanística “cero” e sen accesos ao tráfico de vehículos. Para ADEGA, a construción desta pista, impulsada pola Consellería de Política Territorial a demanda dos Concellos de Laxe e de Camariñas,
sería unha grave agresión ambiental.
O tramo afectado, de case tres quilómetros, mantén un camiño carreteiro en moi bo estado de conservación, existindo moitos treitos que discorren sobre lousas de pedra co raíl labrado polos carros. A zona que atravesa este camiño caracterízase por un mosaico de peches ou valados. A acción humana sobre o medio natural xerou unha paisaxe de grande interese e beleza, cuxas orixes se remontan á epoca castrexa e quegarda moitas semellanzas con outros vestixios deste tipo de paisaxes que se conservan ao longo da fachada atlántica europea (Irlanda, costas bretonas, Normandía).
ADEGA empraza aos responsábeis políticos a que consulten a especialistas en ordenación do territorio, en dinamización e promoción turística, en arquitectura da paisaxe, e se dean conta así do fatal erro estratéxico que suporía esta intervención agresiva. O futuro pasa por aproveitar unha marca de renome como é a “ Costa da Morte”, con paisaxes cara ao Atlántico cases intactas como a do tramo entre Camelle e Traba, con valiosos elementos naturais, culturais, etnográficos e gastronómicos. Por exemplo, a costa de Normandía non vive do turismo de sol e praia senón precisamente do turismo que aproveita uns recursos semellantes aos da Costa da Morte. Cómpre promover accións que incrementen o tempo de estadía dos visitantes, no canto de favorecer visitas dunha soa xornada que é a que propicia o sistema de visita en coche.
ADEGA propón que se recapacite sobre este proxecto, se abra un concurso de ideas no que participen especialistas, e que o investimento a realizar vaia encamiñado a fortalecer estratexias de aproveitamento do medio que beneficien directamente á poboación residente na zona.
Martiño Nercellas (Adega)