Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Preséntase 'Beleza, verdade', unha antoloxía poétrica de Carvalho Calero realizada por Pilar Pallarés

Na poesía de Ricardo Carvalho Calero a verdade e a beleza coexisten, loitan e afírmanse,
unha dinámica á que non é allea a apaixonante perfil dun home múltiplo e contraditorio,
cunha visión da existencia fundamentalmente relativista. Pilar Pallarés volve a mirada
sobre a poesía do seu outrora profesor e con esta escolma descúbrenos nel ámbitos que
permenecían ata agora case inéditos, como a vertente política, o turbador xogo de
máscaras e os paradoxos da súa propia traxectoria literaria. Beleza, verdade, publicado
por Chan da Pólvora Editora na súa colección Cova da lontra, é neste sentido unha
proposta de lectura singular pero tamén unha análise extraordinaria da obra e da
personalidade dun escritor que adquire aquí unha complexidade inédita. Ao tempo, o
volume contextualiza e reconstrúe a imaxe de Calero cunha cronoloxía da súa peripecia
persoal –marcada pola represión na ditadura– e unha serie de materiais complementares,
autopoéticas, entrevistas e fotografías que amosan o carácter monumental do autor
homenaxeado co Día das Letras Galegas do 2020.

A presentación do volume, que xa se converteu nunha referencia editorial de cara ao 17
de maio, preséntase este xoves día 20 na libraría do Chan da Pólvora a partir das oito e
media do serán. Alí estarán Pilar Pallarés xunto ao poeta e editor Miguel Anxo Fernán
Vello para lembrar a traxectoria dun home que ademais da súa poderosa obra lírica
desenvolveu tamén un vizoso labor como crítico literario.

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Compostela, 1990) foi unha das figuras
fundamentais da cultura e a política galega do século XX. Membro do Partido Galeguista,
activista do Seminario de Estudos Galegos, académico, autor da máis celebrada historia
da literatura galega, mestre de sucesivas xeracións de profesionais da filoloxía e impulsor
do reintegracionismo ortográfico, Carvalho Calero é tamén autor dunha riquísima obra
poética e de dúas novela de grande repercusión, Xente da barreira (1951) e Scórpio
(1982), ademais de varias pezas de teatro e numerosos ensaios.

Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) converteuse desde os seus dous primeiros libros, Entre o
lusco e fusco (1979) e Sétima soidade (1983), nunha figura referencial da poesía galega
contemporánea. Nesa posición consolidouse, e mesmo agradouse, ao publicarse Livro
das devoracións (1996). Posteriormente entregoulle aos lectores Leopardo son (2011) e
máis recentemente Tempo fósil, publicado tamén por Chan da Pólvora Editora e
recoñecido con dous dos galardóns máis importantes do panorama cultural: o Premio da
Crítica Española ao mellor poema en galego do 2018 e o Premio Nacional de Poesía.

Beleza, verdade é a segunda ocasión en que Pallarés se enfronta á escolma da poesía do
autor ferrolán, xa que no ano 1992 publicou Fillo de Eva (88 poemas de Ricardo Carvalho
Calero).
Chan da Pólvora