Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O MARCO de Vigo presenta a exposición '…no, aún no…', de Yolanda Herranz Pascual

Arrinca coa serie "El mí y el tú", do seu proxecto Distancias y abismos (2004-7), no que a rotundidade da mensaxe se une a unha refinada claridade visual. O xeito de resolver a obra ten algo de baixorrelevo, de relato obxectivo. Xunto a ela, a versión XVI de Destierros (proxecto aberto en 2003) evoca ausencias e reclama presenzas. A idea dos pasos perdidos, do camiñar errante, da busca de destino, da soidade no grupo... da identidade.

A exposición prosegue con obras producidas para esta ocasión: SOMOS mujeres y ESTAMOS aquí parte dunha acción do mesmo título (realizada en 2015) na cal se recitan dúas series de 690 palabras que empezan por A, en feminino e plural, por orde alfabética, recollidas do dicionario de RAE, referidas unhas ao ser e outras ao estar das mulleres. En vez de documentar a acción con fotografías, Yolanda Herranz Pascual prolóngaa levando a palabra á parede, en vinilo vermello sangue: como conxunto e na súa disposición ten algo de manifesto, e é natural recibila como o paso do individual ao ton coral. Un labirinto de texto en vinilo ouro, ...NO, AÚN NO..., atrapa a mirada do espectador na súa lectura infinita, modular, reiterada, a xeito de voz que se confunde e multiplica nos seus ecos.

Esta obra dá paso ao traballo máis novidoso. Cando moitos seguen hoxe a vía social e vindicativa aberta no seu momento por artistas como Yolanda Herranz Pascual, ela céntrase na identidade persoal, cunha obra poética, íntima, drástica. Une textos e unha serie de once autorretratos indagatorios. Fronte ao retrato como a mirada recoñecida e compracente do outro, o autorretrato como pregunta inqueda, mirada tensa, interior: se un intenta perdurar no tempo o outro pregunta pola perda do presente e cuestiona ou afirma a identidade. El arte sana / El arte cura (Autorretratos) é a resposta da artista a unha situación persoal de extremo desacougo, cando percibe que o que quere desaparece: a arte sérvelle para formular preguntas que lle permiten entender ou polo menos convivir con esa realidade esquiva.
Museo de Arte Contemporánea de Vigo