Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Museo do Mar de Galicia retoma a súa actividade coa mostra 'Blanquísima su presencia' de Nelson Villalobos

Divídese en dúas áreas diferenciadas, a primeira delas composta por 14 pezas recentes en gran formato, a meirande parte delas dedicadas á nai do autor, e unha segunda parte, cun total de 48 obras de menor tamaño que constitúen unha retrospectiva da súa traxectoria.

A mostra conta cunha peza única creada polo artista durante o confinamento que se poderá visitar por vez primeira nesta ocasión. A historia deste cadro remóntase meses atrás, cando o artista estaba preparando unha exposición no Museo do Mar de Galicia centrada na relación entre Galicia e Cuba, un proxecto que se viu interrompido debido á crise sanitaria. Precisamente, este novo cadro interpreta a relación entre Galicia, Cuba, Vigo e A Habana e representa algúns símbolos destes territorios como o Apóstolo Santiago, as Illas Cíes, o Malecón ou a Catedral da Habana.

Aforo a un terzo e sen visitas de grupos

A exposición poderá visitarse con todas as garantías de seguridade recollidas no protocolo da Xunta para a reactivación da actividade nos arquivos, museos e bibliotecas de titularidade autonómica aprobado o pasado 18 de maio no Centro de Coordinación Operativa (Cecop). Así pois, os centros abriron inicialmente a un terzo da súa capacidade en cada un dos espazos e salas sen que o público puidese tocar ningún elemento museográfico. Ademais, as visitas realízanse de xeito individual, permitindo unidades familiares ou de convivencia, pero non a reserva de grupos.

Os vixilantes de sala contribuirán á fluidez da visita e lembrarán ás persoas visitantes a necesidade de cumprir as pautas establecidas, tanto nas zonas de circulación como nas salas de visita e os visitantes deberán atender ás súas indicacións.
Museo do Mar de Galicia