Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Rede Galega de Teatros e Auditorios recupera a súa actividade escénica

Estas cinco citas marcan a reapertura da programación escénica anual da RGTA, que retomará plenamente a súa actividade a partir de xullo, coa configuración dunha nova carteleira que se prolongará ata o mes de decembro. Neste vindeiro período, continuará a recuperación de funcións suspendidas polos peches dos escenarios durante o estado de alarma e ofreceranse novas propostas artísticas maioritariamente producidas en Galicia. De feito, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) mantén aberto ata o vindeiro 8 de xuño o prazo de inscrición de espectáculos e concertos que se ofrecerán aos responsables municipais cunha normativa flexible e consensuada cara a favorecer as contratacións.

Nesta volta aos escenarios, tanto público como persoal técnico e actores e actrices cumprirán os protocolos de seguridade e de ocupación máxima de butacas ditados polas autoridades sanitarias. Así será mañá en Muros, onde Carabela, o espectáculo familiar para reflexionar sobre a protección do medio natural escrito por Paula Carballeira e interpretado por Tone Martínez, Alba Bermúdez e Davide González, poderá ser presenciado por un máximo de 50 persoas con reserva previa.
Primeira estrea galega

Despois desta función, o calendario da RGTA seguirá coas propostas de danza que acollerá na Coruña o Teatro Rosalía Castro, entre as que se inclúe a estrea de Dreaming Juliet os días 19 e 20 de xuño, produción da compañía Elefante Elegante que contou cunha achega económica da Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións da Agadic á creación escénica.

Gonçalo Guerreiro, María Torres, Marta Alonso, Nacho Martín e Miguel Paz subirán ao escenario para presentar un espectáculo que parte do clásico shakesperiano Romeo e Xulieta para abordar o amor como tema humano esencial. Cunha linguaxe visual asentada no teatro de movemento, na música interpretada en directo e na danza, Dreaming Juliet crea unha poética universal da paixón, cunha proposta que parte da hipótese de que a parella protagonista non ten como obstáculo para a súa relación a oposición familiar, senón as adversidades das rutinas do mundo contemporáneo.

A carteleira da RGTA no Rosalía seguirá con tres pezas de danza: Thesaurus, a cargo de Ánxela Blanco o día 25, O que segue, de Funboa Escénica e Proxecto Pank en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) o 26 de xuño, e Soma, de Javier Martín tamén en coprodución co CDG o 27 de xuño. Todas as funcións darán comezo ás 21,00 h. e as localidades poranse á venda proximamente.
Rede Galega de Teatros e Auditorios