Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Burbullas de creatividade da man de Lugo Cultural

As burbullas son daquela o formato que presentarán as actividades culturais promovidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural ata finais de 2020 e antóllanse como unha vía posible tanto para ofrecer e, noutros casos, recuperar algunha das actividades ou ciclos suspendidas por mor da pandemia, como para brindar novas oportunidades a creadores e creadoras galegas que, do mesmo xeito que todo o sector cultural, están a soportar as negativas consecuencias económicas derivadas da actual crise sociosanitaria.

As burbullas do Lugo Cultural terán periodicidade mensual e posibilitará, en función do tipo de espectáculo previsto, o aproveitamento de diversos espazos do campus e da cidade de Lugo como escenarios culturais axeitados para acubillar concertos ao vivo de música de cámara e outros estilos, monólogos, performances, creacións escénicas e seminarios monográficos de análise e debate. O programa da burbulla de setembro arranca o luns día 7 e inclúe actuacións todos os luns e xoves ata o día 28.

O Dúo Schola, integrado por Enrique Lapza ao piano e David Martín Gutiérrez, no violonchelo, abren o luns 7, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber, a primeira burbulla do Lugo Cultural cun concerto de cámara incluído no ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’. A formación luguesa de música electrónica Telémaco, presentará o xoves 10, a partir das 21.00 horas, no Vello Cárcere de Lugo, o seu último traballo, ‘LUME’.

A actriz Cris Collazo ofrecerá o luns 14, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber, o monólogo cómico ‘María Pita. Conversas cunha heroína’. Este mesmo escenario universitario acollerá o 17 de setembro, ás 21.00 horas, a creación escénica ‘Sofía Unipersonal’, a cargo da actriz Marta Pérez, de Inversa Teatro.
Helena Salgueiro será a creadora protagonista o 21 de setembro, cando presentará, ás 20.30 horas, na Casa do Saber, a intervención ‘Ferro, Federeci’. A monologuista luguesa Carmen Conde subirá o xoves 24, ás 21.00 horas, ao mesmo escenario para ofrecer ao público ‘Tanto conta, conta tanto’.

As sesións de análise e debate atopan tamén un oco na programación cultural do mes de setembro coa celebración do curso de primavera ‘A intervención romana nas comunidades indíxenas’, un programa dirixido pola profesora Dolores Dopico que se desenvolverá o 23 de setembro con sesións presenciais nas dependencias da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo, e terá continuidade ao día seguinte con sesións en liña. Xa como colofón, a música de guitarra de Luis Alejandro García pechará o día 28 as actividades culturais programadas este mes ao abeiro do Lugo Cultural cun concerto de cámara que se desenvolverá a partir das 20.30 horas na Casa do Saber.

Limitación de aforo e retirada de entradas

As distintas actividades culturais programadas son de carácter gratuíto para o público interesado, aínda que o aforo estará limitado a un máximo de 30 persoas para cada espectáculo ou intervención escénica. Daquela, o público interesado poderá retirar un día antes de cada evento os convites na Oficina de Cultura do Campus de Lugo da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo en horario de 10.00 a 13.30 horas. Cada persoa solicitante, que deberá facilitar a súa identificación, poderá retirar un máximo de dúas entradas.

As persoas interesadas en asistir ao concerto de cámara programado para a tardiña do 7 de setembro poderán recoller os convites o mesmo luns no horario matinal xa indicado. O uso da mascarilla é obrigado en todas as sesións.
Lugo Cultural