Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Semana da Arquitectura da Coruña homenaxea a obra do arquitecto Andrés Fernández-Albalat

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou na súa intervención que con esta actividade o concello salda unha débeda con este referente que soñou unha imaxe urbana da Coruña e coa disciplina, xa que unha cidade que forma arquitectos non pode vivir de costas a súa escola de arquitectura: "Esta Semana da Arquitectura 2020 só pode ser o primeiro paso dunha intensa colaboración entre o concello e a escola". Precisamente, esta será unha das sedes en que se desenvolverá o programa xunto á Fundación Luis Seoane e ao Colexio de Arquitectos de Galicia, "institucións que estiveron vinculadas a Albalat. A escola como profesor, o colexio como decano e súa relación coa fundación proveñen dese triángulo prodixioso que formaban Seoane, Díaz Pardo e Albalat, defensores da cultura galega en épocas escuras".

A alcaldesa agradeceu a colaboración de Coca Cola España, Abanca, Marineda Motor e do Colexio Escolapios da Coruña por lles abriren as súas portas ás visitas guiadas programadas para este sábado. Tamén destacou a disposición do Hospital San Rafael, proxectado por Albalat, que achegou material orixinal do arquitecto para a exposición "Andrés Fernández-Albalat Arquitecto. Materiais de arquivo. Obra Coruñesa (1959-1999)”, que estará comisariada por Antonio S. Río e que se poderá ver desde o 5 de outubro na Casa da Cultura Salvador de Madariaga: “Grazas á xenerosidade e ao traballo de moita xente, foi posible poñer en marcha unha semana de actividades que, inspirada nas organizadas por outras cidades, combina exposicións, visitas a edificios aos que normalmente é difícil acceder, charlas e un percorrido pola Coruña, sempre tendo como substrato a figura de Andrés Fernández-Albalat”.

A Semana da Arquitectura comezará mañá xoves na sesión plenaria coa declaración de Andrés Fernández-Albalat como Fillo Predilecto da cidade, por proposta da Escola de Arquitectura, do Colexio de Arquitectos e do propio Concello e co voto unánime da corporación na Comisión de Honras e Distincións. Deste xeito, iniciarase unha programación, que incluirá visitas ao edificio de Begano, ao concesionario da SEAT, ao Centro de Cálculo de Abanca e ao Colexio Escolapios; percorridos pola obra de Albalat desde a praza de Pontevedra á Fundación Luis Seoane, a mostra antes comentada e charlas sobre a figura de Albalat na Fundación Luis Seoane, en que participarán personalidades e compañeiros seus coma Manuel Gallego, César Portela, Patxi Mangado, Javier Harguindey ou Cristóbal Crespo, así como os profesores organizadores desta semana, Antonio S. Río e Carlos Quintáns.

As persoas interesadas en asistiren ás visitas guiadas e aos roteiros pola cidade deberán enviar un correo electrónico a semanaarquitectura2020@coruna.es. A praza confirmaráselles vía correo electrónico, onde se lles informará das medidas adoptadas en cada cita pola Covid-19. No caso das charlas, a inscrición realizarase a través da web da Fundación Luis Seoane.
Universidade da Coruña