Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Os Bolechas inician esta fin de semana unhas 'Xornadas en igualdade' que os levarán por varios concellos de Galicia

Para iso, porán en escena unha obra creada especificamente para transmitir esta mensaxe, Os Bolechas e o cavernícola, na que o público terá moito que dicir, como é habitual nas funcións dos Bolechas, xa que deberá axudar os monicreques a desbotar os comportamentos “cavernícolas” dun personaxe moi peculiar e ensinarlle a importancia de respectar a todas as persoas independentemente do xénero, raza, crenza etc.

Ademais dos rueiros e a función, os Bolechas deixarán en cada vila material didáctico para traballar dun xeito moi divertido o tema da igualdade desde as primeiras idades. Esta nova proposta didáctica dos Bolechas é unha das máis ambiciosas e completas, ao reunir nunha mesma acción múltiples iniciativas. O obxectivo é seguir afondando nunha mensaxe crucial na sociedade na que a popular familia está profundamente implicada. Hai xa varios anos que os Bolechas traballan o tema da igualdade tanto no ámbito escolar como familiar e tamén nas propostas de ocio, co obxectivo de que a cativada interiorice desde idades temperás que, malia as diferencias, nenas e nenos, mulleres e homes teñen os mesmos dereitos e deben ter as mesmas oportunidades.

Calendario da xira

A xira Xornadas en igualdade empeza este venres, 9 de outubro no concello de Laxe co pasacalles dos Bolechas corpóreos, que sairán ás 19:00 horas da Casa consistorial e irán ata a praza de Ramón Juega. O sábado 10 de outubro o salón de actos municipal acollerá a función Os Bolechas e o cavernícola ás 19.00 horas.

Pola súa banda, os Bolechas corpóreos estarán o sábado 10 de outubro en Chantada. Ás 16:30 h sairán da praza do Cantón. E o domingo os monicreques estarán ás 19:00 h no Auditorio municipal.

A seguinte fin de semana as Xornadas en Igualdade chegarán a Taboadela. O sábado 17 de outubro o pasacalles dos Bolechas sairá ás 16:30 h e irá pola estrada principal ata o pavillón municipal, onde o domingo 18, ás 12:00 h, terá lugar o espectáculo de monicreques.

O 24 de outubro, ás 17:30 h os Bolechas corpóreos sairán do Campo da Feira de Val do Dubra e baixarán pola rúa Corredoira ata a casa do concello. E o domingo 25, ás 18:30 h, o Auditorio municipal acollerá Os Bolechas e o cavernícola.

Os Bolechas corpóreos despedirán o mes de outubro en Rodeiro. A partir das 16:30 h farán un percorrido circular desde a praza do Concello pasando pola rúa Gumersindo Areán. E o domingo 1 de novembro terá lugar o espectáculo de monicreques ás 16:30 h no pavillón municipal.

A última xornada será na Rúa, onde os Bolechas percorrerán a vila a partir das 16:30 h. Sairán da rúa Doctor Vila e pasarán polas rúas Circunvalación, Campo grande e Progreso ata chegar á praza do Concello. E xa o domingo 8 de novembro Os Bolechas e o cavernícola pecharán o telón ás 17:30 h no Centro Cultural Avenida.
Os Bolechas