Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O VIII Festival de Creación Musical Contemporánea de Vertixe Sonora comeza co Ciclo en Ruta

O pasado, o presente e o futuro da man a través de sons que nos chaman, indagan, vinculan e transforman, conscientes da nosa inmensa vulnerabilidade.

Á música coma abeiro fronte a intemperie únese o pracer da escoita colectiva nunha proximidade da que participan creadores, intérpretes e oíntes, que se resgardan en afectos compartidos coa certeza de que a música é filla da liberdade e encerra o humanismo, a imaxinación e a capacidade de soñar necesarias para resituar as relacións humanas como vector central, como fío conector entre o pasado e o futuro, entre a tradición e a vangarda.

O proxecto En Ruta é beneficiario das axudas de dinamización cultural do programa O teu Xacobeo, froito do carácter participativo e internacionalizador que comparten, e comprende unha serie de 3 concertos que se celebrarán en Tui, Redondela e Mos.

O primeiro deles vai ter lugar este mesmo domingo, 18 de outubro, ás 18:30 na igrexa de San Domingos de Tui. Dirixido polo mestre Pedro Figueiredo, Mira atrás no tempo con ollos amábeis… inclúe a obra de Lin-Ni Liao (Taiwan, 1977), composicións de Juan
Pablo Carreño (Colombia, 1978), Pablo Vergara (Chile, 1980), Severin Dornier (Alemaña) e Il-Woong Seo (Corea do Sur).

Un programa de música internacional no que se van interpretar 3 estreas absolutas e co que Vertixe Sonora pretende afondar na tenrura e humanidade de Emily Dickinson, deterse no xogo de reflexos e gurgullar de auga... O concerto propón, ademais, un achegamento aos abismos de Kafka, unha viaxe a Colombia e, sobre todo, unha experiencia musical que celebra a importancia do camiño portugués na conformación europea.

LIAO LIN-NI (Taiwan, 1977) Mira atrás no tempo con ollos amábeis (2016).
IL-WOONG SEO (Corea do Sur) Eau* (2020) para ensemble.
PABLO VERGARA (Chile, 1980) Como reverso navegable* (2020) para ensemble.
SEVERIN DORNIER (Alemania) Lichtaufzeichnungen no 1 (2020) * Concerto instalación. Interpretación en vivo, instrumentos, altofalantes, espellos e díodos láser.

Todos os concertos e actividades teñen entrada gratuíta previa inscrición telemática con compromiso de asistencia a través da páxina oficial de Vertixe Sonora (vertixesonora.net) e reserva dun máximo de 5 entradas por persoa até cubrir a ocupación dispoñible.

Debido á pandemia COVID-19, o festival adoptou as seguintes medidas para garantir a seguridade dos e das asistentes.

1. Chegada á sala con antelación abonda.
2. Distanciamento social. O lugar atribuirase por orde de chegada.
3. Uso obrigatorio de máscara durante todo o evento.
4. Hixiene de mans, limpeza en alfombra desinfectante e toma de temperatura.
5. Saída atendendo as indicacións do persoal de sala que regulará a saída.

Vertixe Sonora

Desde a súa aparición en 2011, Vertixe Sonora converteuse nun auténtico revulsivo da sociedade galega. A súa presenza en todo o territorio e a permanente estrea de novas obras permite que Galicia participe da creación sonora internacional cun protagonismo activo e desafiante. Un referente insubstituíble para a última xeración internacional de compositores que atopa nas súas producións a oportunidade de desenvolver propostas musicais cunha perspectiva global e en permanente estado de convulsión, en procura da excelencia artística.
Vertixe Sonora