Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Museo Gaiás da Cidade da Cultura expón as obras finalistas da modalidade de graffiti no Xuventude Crea

Os participantes da fase final de graffiti, que se celebrou o pasado 7 de novembro na Alameda de Santiago de Compostela, tiveron que realizar en directo as súas creacións, que logo foron avaliadas por un xurado profesional que valorou a orixinalidade, a dificultade de execución, o deseño, a estrutura e a calidade de cada unha das obras. Polo tanto, estas pezas, que agora se poden ver na Cidade da Cultura, son obras orixinais, inéditas e executadas nun panel mural de 4 x 2 metros.

Obras expostas

Cómpre recordar os gañadores e demais finalistas desta especialidade de Xuventude Crea: O primeiro premio foi para Javier Caamaño Pérez (A Coruña), coa obra O raposo; o segundo para Adrián Lomba Balea (Vigo), coa obra Estilo en continua construcción; o terceiro posto para Daniel Fernández Vargas (Baiona), coa obra Entusiasmo luminoso; e a mención de honra para Fernanda Rodríguez Miguélez (A Coruña), coa obra Escornabois.

Os outros seis participantes na final, cuxas obras tamén se poderán ver nesta mostra son: Marcos Fernández Cea (Sober), coa obra A trifulca das ideas; Sergio Leirós Pérez (Redondela), coa obra Técnica de graffiti; Julia Amigo López Abente (A Coruña), coa obra Valeria; Ismael Pérez Fernández (A Coruña), coa obra Macaco; Alva Vidal Capón (Tui), coa obra Se o carballo falase; e Daniel Abreu Fernández (Navia), coa obra Level´20.

11ª edición

O programa Xuventude Crea, que este ano acada a súa 11ª edición, é un certame de creadores novos da Consellería de Política Social, que pretende estimular e apoiar a imaxinación, creatividade e innovación dos mozos e mozas galegos/as ou residentes en Galicia, non profesionais, e con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.

A edición 2020 deste programa inclúe 14 especialidades: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (coas modalidades de pintura e escultura). Nesta edición, que acadou un récord de solicitudes con preto de 500 persoas mozas participantes, incorporáronse, como novidade, as especialidades de creación de videoxogos e novela curta.
Xuventude Crea