Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

537 vídeos e 68 canles compiten nos Premios Youtubeir@s

Neste formato, os/as finalistas dos tres premios principais (canle, youtubeir@ e vídeo) serán entrevistados/as polas poetas Lucía Aldao e María Lado.

As conversas serán emitidas en Youtube e difundidas polas redes sociais ao longo dos días 1, 2 e 3 de decembro ás 20.00 h, mentres que a decisión definitiva do xurado ao respecto do palmarés se fará pública tras a ponte de decembro. Nesta cuarta edición, os Premios Youtubeir@s bateron as marcas de participación, ao duplicar amplamente as inscricións. Se en 2019, a concorrencia acadara a cifra de 240 vídeos e 50 canles, neste 2020 o xurado decidiu entre 537 vídeos e 68 canles.

Entrega de premios en liña. Tras a decisión do xurado (conformado por Brais Romero, Rosa Moreiras, Matías Tarrío, Xoana e Mabel Montes), a actividade de difusión continuará en Youtube e nas redes sociais dos Premios Youtubeir@s, xa que AldaoLado realizarán entrevistas con cada unha das persoas premiadas e promocionaranse as iniciativas galardoadas nos doce premios ao longo do mes de decembro.

Dende a organización dos premios destácase que entre os/as concorrentes deste ano se atopa un perfil de youtubeir@ máis consistente que xera contidos cunha periodicidade fixa fronte a modelos de anos anteriores, cando participaban vídeos de persoas creadoras non habituais. Ademais, apúntase a un mellor coidado das canles, dos contidos e das redes sociais empregadas polos/as yotubeir@s xa inscritas. Detéctase, por outra banda, que están a se ampliar as temática tratadas, de xeito que asuntos menos frecuentes en edicións anteriores, como canles para nenos e nenas, fútbol, videoxogos ou o rap contan con maior presenza.

7.500 euros en premios. A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s conta con cambios significativos nas súas bases en comparanza con anos anteriores e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nos doce galardóns do certame neste ano. Os Premios Youtubeir@s regresan por cuarto ano consecutivo co obxectivo de animar a creación de vídeos en lingua galega con temáticas e formatos diversos, dende vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos até videoblogs políticos ou videoconsellos de moda. Ao tempo, buscan darlle visibilidade tanto á produción en galego como á comunidade creadora e “Expandir a Rede”, como di o lema deste ano.

O concurso conta coas seguintes categorías:
• Canle (1.000 euros)
• Vídeo (1.000 euros)
• Youtubeir@ (1.000 euros)
• Calidade lingüística (500 euros)
• Impacto (500 euros)
• Calidade técnica (500 euros)
• Comunicación (500 euros)
• Creatividade (500 euros)
• Musical (500 euros)
• Didáctico (500 euros)
• Pioneiro (500 euros)
• Premio do público (500 euros)
Concello de Ourense