Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Unha opinión pública polarizada agudiza a curva ascendente da pandemia pola COVID-19

O traballo, asinado por Alejandro Carballosa, Mariamo Mussa‑Juane e Alberto P. Muñuzuri, conclúe que se a pandemia se desatase no primeiro período, o número de afectados sería moito maior ao tratarse dun intre de gran polarización da sociedade.

“Neste artigo analízase o efecto da sociedade e a súa opinión na evolución dunha pandemia en base a modelos matemáticos alimentados con datos empíricos”, explica o profesor Alberto Pérez Muñuzuri. “Empregando técnicas novas somos capaces de facer unha radiografía da nosa sociedade en base a datos empíricos que nos permiten ver o grao de ‘conformismo’ dunha sociedade e a predisposición para seguir as indicacións gobernamentais”, continúa. A investigación desenvolve o estudo comparado entre a situación que vive España en outubro 2019, momento altamente crispado politicamente e de gran polarización, tal e como apuntan os investigadores; e marzo de 2020, en plena pandemia. O estudo permite observar a distribución de opinión nos dous escenarios e incorpora modelos epidemiolóxicos. A análise conclúe que o estado de opinión da sociedade e o grado de adhesión as políticas oficiais é determinante na evolución da pandemia e no número de contaxios.

A análise da situación en outubro de 2019 amosa diferencias substanciais con respecto a abril de 2020. Así, os investigadores constataron que no segundo dos períodos analizados a sociedade amosábase máis receptiva á hora de aceptar as políticas gobernamentais. Pola contra, en outubro de 2019, a opinión pública defínese por un alto grao de polarización por mor da chamada a unhas segundas eleccións xerais ante a imposibilidade de acadar un clima de consenso por parte das forzas políticas. Os investigadores, en consecuencia, infiren que se a primeira onda da pandemia chegase nun clima de crispación social como o de 2019, a presión sobre o sistema de saúde sería maior e mesmo podería terse acadado unha meirande cota de mortalidade.

Perseguir o ben común

“Deste estudo pódense derivar conclusións para a situación actual da enfermidade onde vemos cada vez mais grupos de negacionistas e xente disposta a antepor os seus intereses particulares (festas, reunións familiares, intereses económicos, etc.) antes do ben común e que se traducen directamente nun empeoramento da pandemia”, destaca o físico Alberto Pérez Muñuzuri.

Deste xeito, os científicos evidencian que o estado da opinión pública ten unha incidencia directa na evolución da pandemia. O histograma de opinións traduciuse directamente nunha densidade de probabilidade de persoas que elixen seguir, ou non, as instrucións, modificando a súa potencial exposición ao virus. “O que propoñemos é monitorizar, case en tempo real, o estado de ánimo da sociedade”, afirman os investigadores. A investigación constata que o consenso parcial da rede social, malia non ser perfecto, impacta de xeito substancial na curva de infección, e que ese impacto é cuantitativamente máis forte en abril de 2020.
Universidade de Santiago de Compostela