Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Gaiás lanza un programa de actividades ao redor de 'Faraón. Rei de Exipto'

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe na Cidade da Cultura o programa de actividades divulgativas e de lecer da exposición Faraón. Rei de Exipto, dirixidas a que todo o público poida tirar o máximo partido desta mostra que en menos dun mes bateu marcas de afluencia no Museo Gaiás, ao congregar a preto de 21.000 persoas, cunha media diaria que supera o milleiro de visitantes, e con 3.000 estudantes que participarán no programa didáctico de visitas por videoconferencia.

Visitas comentadas en liña, charlas e faladoiros sobre temas como a escrita xeroglífica ou as escavacións arqueolóxicas en Exipto a día de hoxe, obradoiros sobre papiros ou xincanas de enigmas en formato escape room compoñen un programa con opcións tanto para público adulto como para a cativada. Déronse a coñecer nun acto que tamén contou coa participación da coordinadora de Institucións en Galicia de Caixabank, María Jesús García Piñeiro, e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

A estas actividades arredor da exposición súmanse as visitas guiadas regulares que o Museo Centro Gaiás ofrece de balde con reserva previa os venres, sábados e domingos –quendas que a partir de xullo se ampliarán a todos os días da semana– e un amplo programa didáctico de visitas a través de videoconferencia destinadas aos centros de ensino. Neste sentido, o secretario xeral de Cultura destacou a “excepcional acollida que está a ter esta exposición, que froito da colaboración entre a Xunta, a Fundación ”la Caixa” e o British Museum, e no marco do Xacobeo 21-22, permite ver en Galicia extraordinarias pezas arqueolóxicas e artísticas da colección do prestixioso Museo Británico”.

A mostra, inaugurada o pasado 26 de marzo, está a bater marcas de asistencia, superando os 20.600 visitantes en menos dun mes, cunha media de máis dun milleiro de persoas diarias. "Marcáronse picos de ata tres mil persoas ao día coincidindo coa Semana Santa, un arranque extraordinario, pero tamén un desafío que nos obriga a un cumprimento rigoroso das medidas sanitarias", explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Neste sentido, Anxo M. Lorenzo puxo de relevo que o acceso á exposición se está a realizar dun xeito ordenado e seguro, con todas as garantías que require a situación actual, e agradeceu a responsabilidade que están a demostrar as persoas que visitan o Museo.

O programa didáctico está a ser tamén un punto moi destacado da exposición, xa que ata o momento teñen xa reserva para coñecer a mostra 3.000 alumnos e alumnas de primaria e secundaria de 58 centros de ensino de toda Galicia. “Todos eles conectarán a través de videoconferencia co persoal de guías do Museo Gaiás para coñecer polo miúdo o período histórico do Antigo Exipto a través das interesantes posibilidades didácticas que ofrece esta exposición”, destacou o secretario xeral.

Actividades para todos os públicos

O programa de actividades arredor da exposición que se despregará nos vindeiros tres meses ofrecerá ao público a posibilidade de descubrir como era a vida no Val do Nilo a través da figura do Faraón, aprender máis sobre as escavacións arqueolóxicas e sobre como os obxectos nos proporcionan información sobre o noso pasado, ou transmitir e recrear a emoción da aventura e do misterio que nos ofrece a civilización exipcia.

A primeira das actividades nas que se poderá participar, xa o próximo sábado 8 de maio, será un webinario de introdución á escrita xeroglífica, conducido polo historiador e exiptólogo compostelán César Guerra, e destinado a achegarse a esta escrita milenaria, entender o seu funcionamento e as claves para descifrala. Ao longo dos meses de maio e xuño realizaranse tamén diversas charlas e faladoiros, que inclúen unha conferencia da comisaria da mostra –a comisaria do departamento do Antigo Exipto e Sudán do British Museum, Marie Vandenbeush– e dúas mesas redondas que poderán seguirse en liña. A primeira delas convidará a arqueólogas galegas que realizan campañas no Val do Nilo para descubrir as claves das escavacións en Exipto na época actual; mentres que a segunda congregará a arqueólogos de Galicia e Portugal para explicarnos o que estaba a acontecer no noroeste peninsular na época do Antigo Exipto.

Unha visita en liña retransmitida en streaming para público xeral completa unha programación de actividades que tampouco esquece ao público miúdo. Así, xa de cara ao arranque do verán, a cativada poderá gozar de dúas actividades de lecer para mergullarse xogando neste atractivo período histórico. Por unha banda, un obradoiro de papiros permitirá coñecer as técnicas para traballar este soporte e as claves para que chegasen aos nosos días convertidos en obras de arte. Por outra, organizarase unha xincana familiar co formato dos populares escape room, na que coa guía dun monitor pero de xeito autónomo, os e as participantes poderán visitar a exposición resolvendo enigmas coma se fosen exploradores. As dúas serán de balde con inscrición previa na web da Cidade da Cultura.

Información práctica

Tanto Faraón. Rei de Exipto, como as outras dúas mostras que exhibe neste intre o Museo Centro Gaiás –As miradas de Isaac e Os brancos segredos do seu ventre– están abertas ao público de martes a domingo co horario ininterrompido de 10,00 a 20,00 horas, pechando só os luns. A entrada é libre e de balde e unicamente é preciso inscribirse para participar nas visitas comentadas co persoal de guías da Cidade da Cultura, que actualmente se están a realizar en quendas reducidas de catro persoas, no cumprimento das medidas sanitarias.
Cidade da Cultura de Galicia