Éxito de público nun agardado regreso ao campus da Miteu

Para delimitar as butacas nas que podían sentarse cada unha das 49 persoas que se inscribiron para ver a obra -espazo adaptado á normativa covid-, a organización marcou as cadeiras con algunhas das caretas ilustradas por Marta Riera, exprofesora da Facultade de Belas Artes, para a campaña Bravas, que arrancou en 2019 con motivo do 11 de febreiro, Día internacional da muller e a nena na Ciencia, co obxectivo de darlles visibilidade a mulleres científicas, investigadoras e inventoras con traxectorias vitais paradigmáticas nas que se observan trazas de inxustiza e discriminación no ámbito da ciencia (o chamado ‘efecto Matilda’), pese á importancia e á relevancia das súas achegas e descubrimentos.
As representacións continúan o mércores 28 coa aula da USC
Tras o éxito desta primeira representación, o teatro volverá ao campus o vindeiro mércores día 28, nesta ocasión da man da Aula de Teatro Universitaria da Universidade de Santiago de Compostela que, dirixida por Roberto Salgueiro, porá en escena A casa da Forza 2, 52-88, unha peza centrada nun traballo dramatúrxico das páxinas 52 a 88 do texto de Angélica Liddell La casa de la fuerza (Ediciones La uÑa RoTa, 2011, Segovia).
As persoas interesadas en acudir ás representacións deben reservar a butaca enviando un correo electrónico a extensión@uvigo.gal ou a través do teléfono 986.813.626 ata as 13.00 horas do día da función. A capacidade do Teatro Vidal Bolaño está agora limitada a 49 butacas e, en cada función farase unha listaxe das persoas asistentes que se gardará durante un mes por se fose necesario localizar a alguén.
Mostra Internacional de Teatro Universitario