Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Teatro Vidal Bolaño acolleu unha reflexión sobre a violencia, a morte e o fracaso do amor

Dirixida por Roberto Salgueiro, a Aula de Teatro Universitaria de Santiago de Compostela puxo en escena unha peza que recolle o que ocorre entre as páxinas 52 e 88 de La casa de la fuerza (Ediciones La uÑa RoTa, 2011, Segovia), unha aproximación á realidade das mulleres no século XXI con notas sobre a violencia e o fracaso do amor.

Tras esta actuación, o teatro volverá ao campus o mércores 12 de maio da man da Aula de Teatro Universitaria de Ourense. Maricastaña 2021, que porá en escena a obra Aínda que siga brillando a lúa. Dirixida por Fernando Dacosta, trátase dun texto que trasladará ao público a Marte, propoñendo unha reflexión sobre as consecuencias da colonización do planeta vermello: “cambiar de mundo pode cambiar tamén ao ser humano”.

Volve a música co concerto de Laura LaMontagne e PicoAmperio

Antes da volta do teatro, a programación cultural continuará co Festival Sonora, que como en cada edición trae novas propostas musicais. Os protagonistas do Sonora 2.1 son Laura LaMontagne e PicoAmperio, un dúo que dialoga coa tradición galego-portuguesa das cantigas de amigo e os ritmos electrónicos e que encherá a Cidade Universitaria de mesturas de voz, samplers, bases, scratch e loops en directo.

As persoas interesadas en acudir ás representacións teatrais e musicais deben reservar a butaca enviando un correo electrónico a extensión@uvigo.gal ou a través do teléfono 986.813.626 ata as 13.00 horas do día da función. A capacidade do Teatro Vidal Bolaño está agora limitada a 49 butacas e, en cada función farase unha listaxe das persoas asistentes que se gardará durante un mes por se fose necesario localizar a alguén.
Universidade de Vigo