O servidor cartográfico da Xunta pon ao servizo da sociedade galega un moderno sistema de información xeográfica

Tal e como salientou o titular do Executivo autonómico, a elaboración deste moderno e completo sistema de cartografía dixital está en consonancia coas iniciativas que a Unión Europea está a promover neste ámbito, que potencian a elaboración de estruturas de datos espaciais no ámbito rexional co fin de configurar unha infraestrutura de información a escala dos estados e da propia Unión. Ademais, ten a particularidade de que vén a cubrir un baleiro existente na Comunidade Autónoma xa que, ata o de agora, non existía ningún sistema de información do territorio galego destas características en Internet.
GRANDE DEFINICIÓN DE PANTALLA
O acceso a esta web permite, segundo indicou Manuel Fraga, visualizar a cartografía “cunha grande definición en pantalla” e obter imaxes, tanto de satélite como de fotografía aérea, así como realizar buscas e imprimir e descargar ficheiros coa información requirida. A posta en marcha deste servidor cartográfico amosa que “as novas tecnoloxías son cada día máis accesibles para os galegos”, en grande medida grazas aos esforzos realizados pola Xunta á hora de achegar estas tecnoloxías aos cidadáns, como remarcou o titular do Goberno galego.
Co servidor cartográfico iníciase a elaboración do Plan Galego de Cartografía que permitirá que a Comunidade Autónoma poida soportar unha produción cartográfica planificada racionalmente e que, ao mesmo tempo, facilite a xestión territorial integrada. Nesta dirección, segundo confirmou Manuel Fraga, tense formado xa unha Comisión de Coordinación Cartográfica promovida pola Xunta que se encargará da elaboración do mencionado Plan.
O enlace web no que está dispoñible o servidor cartográfico é o de http://sitga.xunta.es. Coa entrada en funcionamento desta páxina, poderase acceder a distintos servizos: visualización e impresión de calquera mapa, foto aérea ou imaxe de satélite de Galicia; busca e localización de topónimos e elementos sobre un mapa; realización de mapas temáticos sobre usos do solo, xeoloxía, bacías hidrográficas, vías de comunicación etc.; medición de superficies, perímetros e lonxitudes sobre os propios mapas consultados; datos socioeconómicos; ou descarga de información territorial en ficheiros.
Na súa intervención, o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural salientou que o Sistema de Información Territorial de Galicia, Sitga, vai ser un “punto de referencia obrigado para a nosa cartografía”, converténdose, ao mesmo tempo, en referente nacional e incluso internacional.
INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA CLAUSURA DA XORNADA DE PRESENTACIÓN DO SERVIDOR CARTOGRÁFICO DA XUNTA DE GALICIA
-“Na actualidade é difícil entender o desenvolvemento económico dun territorio e a modernización da administración dunha sociedade sen unha cartografía avanzada que facilite un coñecemento profundo e detallado do espazo”.
-“A posta en marcha do servidor cartográfico da Xunta de Galicia, que hoxe se presenta, é unha aposta de futuro, que vai permitir desenvolver e poñer en explotación unha moderna infraestrutura de información xeográfica ao servizo da sociedade galega”.
-“A súa elaboración é totalmente acorde coas iniciativas da Unión Europea neste ámbito que promoven que as infraestruturas de datos espaciais sexan creadas e mantidas a nivel rexional, co fin de configurar unha infraestrutura de información a escala dos estados e da propia Unión”.
-“Este servidor cartográfico vén a cubrir un baleiro existente na nosa Comunidade pois, na actualidade, non existe ningún sistema de información do territorio galego destas características en Internet”.
-“Toda Galicia estará ao alcance da man cun simple clic do rato informático. O único requisito imprescindible é dispoñer de conexión a Internet, xa que a propia web facilita os programas necesarios para o correcto funcionamento do sistema”.
-“É unha nova mostra de que as novas tecnoloxías son cada día máis accesibles para os galegos, grazas aos esforzos feitos desde os diversos departamentos da Xunta de Galicia”.
-“Como xa se puido ver na exposición realizada esta mañá sobre o servidor cartográfico, o acceso á web permite visualizar a cartográfica cunha grande definición en pantalla, obter imaxes, tanto de satélite como de fotografía aérea, realizar buscas, imprimir e descargar ficheiros coa información requirida”.
-“Con este servidor, Galicia está no camiño de poder elaborar un Plan Galego de Cartografía que permita soportar unha produción cartográfica planificada racionalmente e facilite a xestión territorial integrada; e, nesa dirección, formouse xa unha Comisión de Coordinación Cartográfica da Xunta de Galicia que debe conducirnos á busca das solucións máis axeitadas para a nosa Comunidade”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia