Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Un equipo da UVigo analiza nun informe a realidade socioeconómica do concello de Ourense

Ademais, quere contribuír a “desenvolver políticas que repercutan na mellora da calidade do emprego e nas condicións de vida da cidadanía”.

O traballo foi presentado este xoves no Concello por Andrés Mazaira, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus responsable do informe, e Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense. No acto, Andrés Mazaira salientou como tendo en conta que “a realidade do emprego é moi complexa e algo vital para os cidadáns”, o traballo “non é tanto un informe curtopracista” senón que con el “o que se pretendía era ver, desde o momento actual cara atrás, que ten pasado e velo desde un punto de vista holístico, é dicir, transversal”. Pola súa banda, Pérez Jácome indicou que o informe realizado “é un traballo espectacular” que “pode ser vital para o que é a estratexia que podemos facer nós a partir de aquí” no eido da creación de emprego.

O futuro da cidade

Segundo indican en nota de prensa desde o órgano municipal, o traballo recolle datos tales como que o 0,5% das empresas locais teñen 50 ou máis traballadores (o 96% do tecido empresarial correspóndelle ás microempresas); que o desemprego se concentra na construción, na hostalaría e no comercio e que a economía do concello se concentra en actividades de baixo valor engadido. Isto tradúcese en menores ingresos e menores rendas familiares se se comparan con outras cidades de Galicia. “Entre as alarmas que identifica o estudo está a do emprego feminino: as mulleres novas, máis preparadas que nunca, saen da cidade para atopar emprego pero non retornan”, apuntan.

O informe socioeconómico presentado, indican desde o Concello de Ourense, é pormenorizado ata o punto de facer análises por cuadrículas de quilómetro cadrado na cidade, o que permite identificar “onde, como e a quen dirixir os esforzos das políticas municipais”. Neste senso, engaden, “identifícase o Servizo de Emprego do Concello de Ourense como unha ferramenta vital para deseñar o futuro da cidade”. Isto, engaden, “non se poderá realizar sen a necesaria cooperación coas entidades supramunicipais -con competencias en materia de creación de emprego- ás que poderlles ofrecer as necesidades e particularidades da cidade contidas no estudo”.

O traballo foi realizado polos membros do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Universidade de Vigo Isabel Diéguez, Ana Gueimonde e Andrés Mazaira e pódese consultar integramente en Internet.
Universidade de Vigo