Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Cidade da Cultura inaugura nas Torres Hejduk unha intervención artística que as transforma nun faro xacobeo

Esta proposta creativa de Ana Núñez Rodríguez (Lugo, 1984) e Sebastián Sandoval Quimbayo (Bogotá, 1986) resultou gañadora do VIII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado en 2020 entre os e as participantes do X Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura (EAN10). O certame, que conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell, está enmarcado na programación do Xacobeo 21-22 e ten como eixo o Camiño de Santiago, profundando na relación entre a Cidade da Cultura, a cidade de Compostela e o propio camiño xacobeo.

No acto de inauguración, o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, destacou que este concurso artístico “é un xeito de apoiar e dar visibilidade á arte contemporánea e aos artistas emerxentes, ofrecendo para a súa intervención creativa un espazo expositivo non convencional de gran recoñecemento e moi icónica do complexo da Cidade da Cultura, como son as Torres Hejduk, e a través dunha plataforma de apoio á arte contemporánea tan recoñecida como Encontro de Artistas Novos”.

O acto, que serviu como clausura ao EAN11, contou tamén coa participación do director rexional de Galicia Centro do Banco Sabadell, David Martis Sánchez; da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; do director do Encontro de Artistas Novos, Rafael Doctor; e dos 40 artistas emerxentes participantes nesta undécima edición do EAN.

A viaxe como transformación persoal

A instalación En terra firme aproveita as propiedades arquitectónicas das torres Hejduk para aloxar no interior da torre de cristal o pico dun faro inspirado nas xeometrías do mar e nas formas curvilíneas das fiestras da catedral de Santiago. Así, recrea un escenario da costa que deixa ao alcance do espectador a experiencia perceptiva da parte máis alta dun faro. Pola súa banda, a torre de pedra aprópiase da paisaxe que rodea este sinal luminoso para albergar unha instalación audiovisual: unha proxección circular, baseada na linguaxe matemática do alcance de visibilidade en alta mar e as cartas náuticas, reflexiona sobre a experiencia da viaxe, guiando ao espectador a partir dunha fórmula trigonométrica polas augas navegables e rexións terrestres rumbo a un horizonte visible.

O faro, como guía para navegantes que dá aviso da chegada a terra firme, orientando nas circunstancias máis adversas e permitindo que o viaxeiro chegue a destino, convértese así en metáfora da travesía que supón o Camiño de Santiago e tamén da propia viaxe persoal do espectador.

Ademais de destacar delicadeza e a concepción alegórica desta intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, puxo en valor “que ambos artistas aporten dous puntos de vista complementarios, ao estaren especializados en fotografía e arte sonora, para así materializar este diálogo entre percepción sonora e visual e colocar as persoas visitantes no centro da intervención”. A instalación pode visitarse desde hoxe mesmo e ata o vindeiro 9 de xaneiro de 2022, de luns a domingo e de 19,00 a 20,00 horas, con entrada de balde.

Biografía dos artistas

Ana Núñez Rodríguez (Lugo, 1984) é enxeñeira técnica en Química Industrial pola Universidade Autónoma de Madrid, con estudos en Fotografía Documental e Creación Contemporánea en IDEP Barcelona e posgrao en Fotografía da Universidade Nacional de Colombia. Máster en Fotografía e Sociedade na Academia Real de Belas Artes da Haia (KABK), onde foi galardoada como mellor tese polo seu traballo Cocinando Historias de Patatas. Participou en residencias, exhibicións e eventos en Bélxica, Os Países Baixos, Irlanda, Colombia, O Xapón, Portugal e España e foi seleccionada para Descubrimientos PhotoEspaña 2017, premiada no Portfolio Review na Bienal Fotográfica Bogotá 2017 e seleccionada para o programa Lighthouse de novos talentos en Fotodok, Utrech.

Sebastián Sandoval Quimbayo (Bogotá, 1986) estudou Artes Plásticas e Visuais na Facultade de Artes (ASAB) en Bogotá, especializándose en arte sonora, fotografía, pintura e vídeo. Máster en Arte Sonora da Universidade de Barcelona, realizou estudos en Sonoloxía no Conservatorio Real da Haia. En Colombia, o seu traballo foi exposto en diferentes galerías e espazos culturais como o Arquivo de Bogotá, Artecámara, a Universidade Nacional, o Museo de Arte Contemporánea de Bogotá, e ArtBo entre outros. Participou en residencias e exhibicións en Arxentina, Canadá, España, Os Países Baixos, O Xapón e México.
Cidade da Cultura de Galicia