Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

'Formas e tránsitos' para abrir un novo ciclo en Alterarte

Na inauguración da mostra este venres, Ana María Torrado, directora de Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense, salientou que “aínda que se abre unha nova etapa para a sala, continúa o espírito crítico do seu proxecto anterior, que se chamaba Estado Crítico”. Neste cambio de etapa, quixo agradecer o traballo “intenso e moi continuado” realizado por Xosé Manuel Buxán e as persoas que participaron da súa etapa e dar a benvida a Sara Donoso, que comisariará as catro primeiras mostras deste novo ciclo dun “espazo que penso que é recoñecido pola súa innovación artística”.

Pola súa banda, Sara Donoso explicou que a súa nova etapa á fronte da Sala Alterarte ábrese cun ciclo expositivo que leva por título Activar a mirada. Des-ordenar o pensamento. Nel, indicou, comisariará as exposicións de catro “artistas de formas de facer moi diversas pero dalgún xeito conxúganse os seus intereses nun punto que ten que ver con esa mirada crítica, con esa intención de volver a interpretar o mundo desde outras formas, de reprantexar a historia. Neste caso, con todo o que ten que ver co universo feminino”. A primeira elixida, dixo, é Isabel Flores, artista formada entre as facultades de Belas Artes de Sevilla, La Laguna e a Universidade Mimar Sinan Güzel Sanatlar de Estambul (Turquía), que cursou o Mestrado en Arte Contemporáneo, Creación e Investigación na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde actualmente continúa a súa formación no programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea.

Formas, repeticións e erros

De Formas e tránsitos, a súa comisaria salientou na presentación que se trata “dun traballo espectacular” no que Isabel Flores “reivindica o ornamento, a decoración dentro do espazo da arte e da arte contemporánea, algo que agora entendemos como habitual pero que non o foi ata hai moi poucas décadas”. Segundo explicou, na Sala Alterarte a artista “creou unha instalación especificamente pensada para este espazo e prantexada para que sexa un percorrido case performático a través do corpo e das transparencias que se van xerando”, apostando tamén pola “idea da pintura expandida”, que sae do marco e desborda o espazo para tocar tamén o arquitectónico e o escultórico. A mostra, dixo na súa intervención Sara Donoso, “combina dúas miradas: por unha banda o que temos nas paredes son motivos dun azulexo que se atopaba na cociña da casa dos seus avós, deulle unha volta e recreounos nas paredes, e por outra banda o que temos nos panos colgantes son motivos atopados en Turquía. Así está a combinar estas dúas memorias, o máis íntimo, o máis o persoal e o colectivo”.

Na mostra Isabel Flores compaxina a intervención sobre muro coa disposición de varios panos serigrafiados en gasa suspendidos do teito e que obrigan a establecer para o espectador un percorrido non lineal “onde o corpo se activa como suxeito actuante”. Neste senso, sobre Formas e tránsitos, a artista explicou que, seguindo a liña de traballos seus anteriores, a súa pretensión foi “crear un espazo envolvente a partir da repetición ornamental”, afondando “na relación que se crea entre o espazo, o obxecto e as persoas” e “enfatizando o decorativo tamén da arte”. O seu traballo, dixo “céntrase nas formas ornamentais”, neste caso procedente dun azulexo, repetindo o ornamento en diferentes soportes para expandir a pintura e crear así un espazo envolvente.

A partir desa repetición, indicou a artista, “xéranse variacións e a obra evoluciona”. Neste senso Isabel Flores comentou a súa visión de que aínda que “o proceso de serigrafía se asocia á obra múltiple, para min é unha ferramenta para pintar” xa que, afirmou, “hai unha repetición pero ao final cada peza é única. A partir desa repetición xéranse erros, pero entendendo os erros como unha variación, non como algo que estea mal, e desas variacións saen novas formas e esas novas formas son as que levo ao muro”. Froito dese proceso, sinalou a artista, nace unha mostra “cun efecto envolvente, na que se busca que a obra se transite, que a pintura se transite e que non teñamos unha imaxe estática de enfrontarnos a unha obra de maneira frontal, senón que realmente estamos dentro dela”. Na realización da mostra, a artista contou coa asistencia da alumna da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra Marina Aradas para a pintura das paredes da sala.
Universidade de Vigo