Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Festival de Música Antiga e Barroca Ateneo Barroco celebra a súa terceira edición

Hai quen defende que na Francia dos trobadores no século XII se atopa a orixe (conservada documentalmente) da canción de amor que continúa vixente nos nosos días. Bernart de Ventadorn é considerado un dos grandes nomes da lírica medieval provenzal, cuxo itinerario por distintas cortes (mesmo chegando a Inglaterra seguindo a Leonor de Aquitania), ben serve de exemplo da vida itinerante de boa parte dos trobadores provenzais, sendo ademais o seu legado un dos máis ricos que temos a fortuna de conservar. Paloma Gutiérrez del Arroyo (cantante, investigadora e docente, recoñecida especialista na música medieval) achéganos historias de amor e desamor case milenarias de Bernart de Ventadorm co acompañamento dun único instrumento de corda, segundo a práctica máis habitual na época, neste caso a arpa medieval do compostelán Manuel Vilas.

PALOMA GUTIÉRREZ DEL ARROYO canto

Especializada en música medieval cos máis grandes intérpretes e investigadores destes repertorios, Paloma Gutiérrez del Arroyo ten actuado en escenarios europeos como cantante e intérprete de salterio, principalmente cos conxuntos dos que é cofundadora (Puy de sons d ́autrefois, Ensemble Oiet) e en colaboración con conxuntos españois, franceses e italianos como Ars Combinatoria, Malandança, La Reverdie, La Frottola, Contrafacta, Rosace, Diálogos e Le Jardin des Délices, en dúo coa cantante Catherine Schroeder, co multi-instrumentista Bill Cooley e cos actores Philippe Borrini e Carole Visconti. Cantou en obras teatrais e pezas contemporáneas como o oratorio Sponsus de Sasha Zamler-Carhart (Toulouse, 2012) e En el corazón frontera de Arantza Lorenzo de Reizábal (Alcalá de Henares, 2018) e, dende a súa creación en 2015, integra o conxunto vocal Cantaderas, un cuarteto dedicado á música tradicional española e a determinados repertorios da música antiga relacionados con ela.
Realiza unha actividade pedagóxica e de divulgación do repertorio medieval para público adulto e infantil, non iniciado, afeccionado ou especializado, impartindo obradoiros, cursos e clases maxistrais en Francia (Centre de Musique Médiévale de Paris, Fondation Royaumont, Conservatoire National Supérieur de Musique et de Danse de Lyon, etc.), Italia (escolanía Pueri Cantores del Duomo di Udine) e España (Fundación Lázaro Galdiano, Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, Universidad Autónoma de Madrid, Curso de Música Antigua de Morella, Centro de Estudios del Románico, BNE, cursos da Asociación Ibérica de la Zanfona en Casavieja, etc.). Ten colaborado con Radio Clásica-RNE (realizando o programa La voz en la Edad Media en xuño de 2016 e Música medieval en las bibliotecas de hoy en maio de 2017). En xaneiro de 2017 promoveu en Madrid a Escuela de Música Medieval y de Tradición Oral, aloxada na Institución Libre de Enseñanza.

Provén dunha formación clásica de piano e óboe e dunha formación en Música Antiga iniciada na súa infancia, que a levou a estudar canto (en Madrid con Itziar Álvarez, en París con Anne Delafosse e en Basilea con Dominique Vellard) e a especializarse no repertorio medieval, realizando cursos de formación, principalmente en Italia (Centro di formazione permanente per la musica e le arti del Medioevo, con Claudia Caffagni), en Francia (Centre de Musique Médiévale de Paris con Catherine Schroeder e Brigitte Lesne, na Fondation Royaumont cos conxuntos Musica Nova e Diálogos e na Universidade Paris-Sorbonne [Paris IV] no Master 2 professionnel "Pratique de la Musique Médiévale” impartido, entre outros, por Benjamin Bagby, Katarina Livljanic e Raphaël Picazos) e en Suíza (como visiting student dos cursos de Dominique Vellard na Schola Cantorum Basiliensis). Así mesmo, realizou un Master 2 recherche na Universidade Paris IV co repertorio dos trouvères como tema de investigación. Paralelamente á carreira musical, realizou una carreira científica que concluíu cunha tese en biofísica (CNB-CSIC-UAM) e o título de doutor en 2009.

MANUEL VILAS arpa medieval

Nado en Santiago de Compostela, formouse en arpas antigas dos séculos XII ao XVIII en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Ten colaborado con numerosos grupos e como solista nos máis importantes festivais de España, Alemaña, Italia, Cuba, Estados Unidos, Ecuador, República Checa, Austria, Noruega, Portugal, Suíza, Paraguai, Francia, Bolivia, Bélxica, Arxentina, Chile, Holanda, Colombia, Hungría, etc., ademais de ofrecer conferencias, cursos e clases maxistrais en San Sebastián, Santiago de Chile, Zaragoza, Amherst (Massachussets), Santiago de Compostela, La Habana, A Haia, Quito, Bogotá, etc. Ten colaborado, como acompañante e como solista, en máis de 60 discos de diversos selos discográficos. En 2008 fundou o ensemble Ars Atlántica. É pioneiro na recuperación de arpas antigas hoxe esquecidas, como a arpa dobre da Coroa de Aragón (século XIV), a arpa chiquitana (Bolivia, século XVIII) e a arpa do virreinato de Perú (séculos XVII e XVIII). Unha das súas especialidades é ofrecer recitais con cantantes e ten acompañado a Marta Infante, Guillemette Laurens, Raquel Andueza, Maria Jonas, Isabel Monar, Juan Sancho, Roberta Invernizzi, Olalla Alemán, Mercedes Hernández, María del Mar Fernández Doval, Paloma Gutiérrez del Arroyo, Marivi Blasco, Jose Antonio López, Isabel Álvarez, Francisco Fernández Rueda, Yetzabel Arias, Monica Piccinini, etc. Foi convidado para representar a España no VI Festival Mundial de Arpa (Asunción, Paraguai) sendo o primeiro arpista en ofrecer un recital de arpa de dúas ordes neste país. Posúe o seu propio canal de youtube, onde se pode ver e escoitar parte do seu proxecto audiovisual no que amosa diversas arpas antigas en diferentes localizacións de Santiago de Compostela (ArpaManuelVilas).
Ateneo de Santiago