Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Play-Doc pecha a súa 17ª edición marcada por un forte carácter inédito, exclusivo e internacional

A dirección do festival, conformada por Sara García Villanueva e Ángel Sánchez, responsables da dirección artística e executiva respectivamente, pon en valor a calidade da programación deste 2021, que retomou o seu carácter máis exclusivo e internacional sen deixar de por o foco sobre o cinema feito en Galicia, e que deu continuidade a iniciativas que naceron na pasada edición, como a estreita colaboración con FILMIN España, ou os exitosos Cinema Percorridos, as rutas polo casco histórico de Tui nas que un grupo de videoartistas levan as súas propostas de cinema expandido fóra das salas tradicionais de exhibición. “Play-Doc demostra que é posible xerar un festival internacional de cine moi ambicioso, cunha programación de excelencia e, á vez, desenvolvelo a unha escala humana que conecte directamente co local e cos habitantes do lugar no que se celebra”, sinala o equipo directivo, que xa está a traballar na 18ª edición.

Premieres mundiais, internacionais e españolas

Nunha traxectoria que en breve abranguerá dúas décadas, o festival tudense presentou sempre primeiras retrospectivas en España, dedicadas tanto a verdadeiras lendas do cinema documental como a outros moitos cineastas esquecidos, censurados, perdidos ou descoñecidos. Este labor de recuperación e descubrimento foi particularmente notable nesta recentemente clausurada edición, que reivindicou a obra do cineasta norteamericano de orixe alemá Manfred Kirchheimer, quen aos seus 91 anos non puido acudir a Tui, debido á pandemia, para presentala en persoa como era o seu desexo. Entre a súa extraordinaria filmografía, o festival galego presentou as súas dúas últimas películas en estrea mundial e incluíu a primeira proxección de Short Circuit, que desde a súa realización en 1973 nunca se mostrou en público.

Quen si acudiu a Play-Doc foi a directora estadounidense Bette Gordon, quen presentou a súa icónica obra mestra Variety (1984) e acaparou a atención da prensa especializada. O festival tamén presentou en estrea española a última película recuperada do recentemente falecido realizador alemán Wolf-Eckart Bühler, sobre quen Play-Doc puxo o foco no 2019, titulada Amerasia (1985), e que foi presentada pola súa compañeira Hella Kothmann. Play-Doc tamén presentou en estrea española outra xoia perdida e rescatada do esquecemento, SEPA: Nuestro Señor de los Milagros (1987) do realizador suízo Walter Saxer, máis coñecido por ser o produtor de Werner Herzog e o responsable dalgunhas das rodaxes máis difíciles da historia do cinema, como Aguirre la cólera de Dios (1972) ou Fitzcarraldo (1982). O propio Saxer voou desde o Amazonas peruano, Iquitos, para presentar no festival a súa película e ofrecer unha exclusiva clase maxistral.

Na competición internacional de longametraxes destaca tamén a estrea mundial da última película do franco-canadense Dominic Gagnon, Big in China. Georges and the Vision Machines (2020) que estivo presente no festival así como o italiano Giovanni Cioni ou a realizadora Macedonia Kumjana Novakova e o catalán Guillermo Carreiras-Candi, que presentaron as súas películas Dal pianeta degli umani e Disturbed Earth tamén en estrea española.

Na competición internacional de curtametraxes presentouse en estrea mundial en festivais a película Paraíso (2021), de Marina Lameiro e Maddi Barber, presentes no certame, e contamos coa estrea internacional de Froito do vosso ventre (2021), do portugués Fábio Silva, quen tamén presentou persoalmente a súa película no Play-Doc. Vagalumes (2021), do brasileiro Leo Bittencourt, tamén foi estrea internacional; mentres que Baki Tadu É (2021), de Kate Saragaço e Calum MacBeath, e Zu Dritt (2020), de Agnèse Laposi e Benjamin Bucher, tiveron a súa estrea española no festival tudense.

Cinema galego

Play-Doc é tamén, desde a súa orixe, plataforma e viveiro do talento máis próximo, visualizando cada ano o cinema galego, sempre en efervescencia, a través dunha ampla e interesante proposta que este ano incluíu os últimos traballos de cineastas do país, como Alberto Gracia, Carmen Bellas e Alberto Berzosa, Claudia Pineda, Daniel Pérez Silva, Diana Toucedo, Eloy Domínguez Serén, Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, Xacio Baño ou Xisela Franco, entre outros.

Esta edición tamén rendeu homenaxe a unha das figuras chave do cinema galego, o tudense Daniel Domínguez, coa proxección do seu filme Río de sombras (1986), rodada en Tui. Ademais, Play-Doc contou coa estrea galega do documental No somos nada, de Javier Corcuera, sobre a mítica banda de punk La Polla Records e cuxo lider e vocalista, Evaristo Páramos, naceu tamén na cidade fronteiriza, sede do festival.

Alén das salas do cinema

Unha das actividades paralelas máis exitosas entre o público, que conecta directamente coa cidade e que, un ano máis, esgotou todas as entradas dispoñibles foi Cinema Percorridos II: Visións Nocturnas, unha proposta única na que o cinema transforma o espazo público. Un grupo de seis video creadores (Montse Piñeiro, Juanma Lodo, Juanjo Fernández Rivero, MIL111.lab -Iria del Bosque e Borja Bernárdez- e o Colectivo AA+ -Ana Domínguez e Ángel Rueda) puxo en relación súas propostas, que parten dos arquivos de cine doméstico rodado en super 8 polas familias de Tui, co patrimonio arquitectónico tudense, unha interacción entre as diferentes instalacións e lugares que pretende dialogar cos espectadores a través dun percorrido nocturno pola cidade.
Cinema Percorridos foi unha das iniciativas máis destacadas dunha extensa programación paralela, que incluíu talleres formativos, encontros e mesas redondas en liña con profesionais da industria e na que participaron importantes nomes como David Schwartz (Netflix), Michelle Carey (Senses of cinema) ou Ariel Schwitzer (Cahiers du Cinéma), e que trataron temas relacionados coa curadoría, a crítica e a formación cinematográficas. O festival tamén ofreceu unha vez máis o seu espazo para abordar os proxectos galegos que están en fase de ‘work in progress’ e tamén para mostrar outras iniciativas culturais da rexión.

Play-Doc Live!

O certame tamén contou, como é habitual, cunha importante sección musical, Play-Doc Live!, que tivo como cabezas de cartel ao artista brasileiro Domenico Lancellotti e a banda norteamericana Blurry The Explorer; formada por prestixiosos músicos antes da pandemia e que ofreceu o seu primeiro espectáculo en directo nesta 17ª edición do Play-Doc. Ambos concertos contaron cos visuais do videoartista galego Sr. Pause (Roi Fernández).

Palmarés

O xurado da 17ª edición do Play-Doc fallou o pasado domingo 26 o palmarés, conformado polas seguintes películas:
• Competición internacional de longametraxes: Esquirlas, de Natalia Garayalde
• Competición internacional de curtametraxes: Fruto do vosso ventre, de Fábio Silva
• Competición Galicia: Os corpos, de Eloy Domínguez Serén
Convocatoria aberta para Play-Doc 2022

Play-Doc abre desde esta semana a súa convocatoria para participar na próxima edición do festival que se celebrará, de novo na primavera, do 4 ao 8 de maio de 2022.



Festival Internacional de Cinema Play-Doc