Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A música retorna á programación cultural da UVigo

Músicas do mundo, jazz e folk combínanse nunha programación que abre este sábado 30 no Teatro Principal o Grupo Dous. Neste mesmo espazo actuará o 24 de novembro Alfonso Medela Trío, mentres que o 2 de decembro farano Caamaño & Ameixeiras, acompañadas polo violonchelista Margarida Mariño. As tres actuacións foron programadas para as 20.30 horas e contan con entrada libre ata completar aforo.

“Nesta nova etapa que se abre despois do episodio máis duro da pandemia, queríamos abrir unha canle para todas aquelas actividades de carácter musical”, salienta a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, dun ciclo que nace con vontade de continuidade. “Queremos darlle certa estabilidade e tentaremos que se desenvolva ao longo de todo o ano”, engade dunha actividade que busca reunir “diferentes correntes musicais”, ao mesmo tempo que servir tamén como “recoñecemento á capacidade creativa e contribución ao panorama cultural” dun sector, o musical, “fortemente castigado” pola pandemia.

“Unha viaxe a través dos sentidos”

O clarinetista Fernando Abreu e o guitarrista Pablo Carrera serán este sábado os responsables de pór inicio a este ciclo, co seu proxecto Grupo Dous, que crearon en 2021 e polo que foron tres veces finalistas dos Premios Martín Códax da Música Galega na categoría de músicas do mundo. Ao longo da súa traxectoria, Grupo Dous editou tres discos, o máis recente, A Viaxe de Yoyo, caracterízase, ao igual que os traballos previos, pola mestura de “influencias de músicas do mundo e improvisación”, co propósito de “crear un repertorio de composicións propias que afondan na procura da emoción por riba do virtuosismo técnico, convidando ao ouvinte a unha viaxe a través dos sentidos”, sinalan.

Titulado superior en clarinete polo RSCM de Madrid e especializado en música tradicional galega, Fernando Abreu é profesor de música no IES Salvaterra de Miño, ademais de membro de grupos como Banda Crebinsky, da que tamén forma parte Pablo Carrera, guitarrista, compositor e produtor, que tamén foi finalista dos Premios Martín Códax pola súa traxectoria en solitario.

Jazz en novembro

A seguinte cita terá como protagonistas ao pianista Alfonso Medela, o contrabaixista Oscar Rodríguez e o batería LAR Legido. Natural do Carballiño, Medela é un pianista “recoñecido pola súa versatilidade no panorama jazzístico nacional, así como na música clásica”. Titulado superior en Piano Clásico e en Jazz e Música Moderna, foi en 2003 un dos finalistas do premio ao mellor pianista revelación Tete Montoliu e atesoura unha longa traxectoria como músico, profesor de piano e compositor, faceta na que destaca a súa “inspiración latina”, como sinalan desde a organización do ciclo. Non obstante, engaden, “cada concerto é diferente” de tal xeito que as súas pezas toman “diferentes notas de cor” en cada actuación.

Na do 24 de novembro estará acompañado polo músico cubano Oscar Rodriguez, profesor do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, e polo batería LAR Legido, sinalado como un dos “pioneiros no movemento da improvisación libre en Galicia” e profesor no Estudio Escola de Música de Santiago de Compostela.

Presentación de ‘Aire!’

O 2 de decembro terá lugar a actuación do dúo de música de raíz que conforman Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz), que estarán acompañadas pola violonchelista Margarida Mariño, coa que realizaron Aire!, disco que centrará o repertorio deste concerto. Conformado por once temas que presentan como “unha amalgama de composición propias e coidados arranxos”, o primeiro disco desta formación “ofrece unha aproximación a distintas músicas e bailes populares, tendo sempre a Galicia como punto de orixe e retorno”.

Profesora do Conservatorio Superior de Música da Coruña Sabela Caamaño foi recoñecida con diferentes premios ao longo da súa traxectoria, na que destaca a gravación, en 2018, da banda sonora do filme Elisa e Marcela, de Isabel Coixet. A violinista Antía Ameixeiras, pola súa banda, foi recoñecida en 2015 coa bolsa de excelencia artística de Afundación, que a levou de xira polos Estados Unidos con Carlos Núñez, co que continúa colaborando, ademais de terse incorporado ao ano seguinte como violinista ao grupo Luar na Lubre.
Universidade de Vigo