Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A suspensión da moción aprobada polo PSOE para cambiar o nome da Coruña deixa no ridículo máis espantoso a Emilio Pérez Touriño

Esta decisión xudicial deixou no ridículo máis espantoso aos Ministros de Xustiza e Administracións Públicas, que por razóns puramente partidarias saíron á palestra para tentar estender a confusión social e apoiar a notoria fraude de lei promovida por Francisco Vázquez. Mais se alguén fica realmente “co cu ao ar” é Emilio Pérez Touriño, feble candidato do PSOE á Presidencia da Xunta, quen na súa actuación como reo de Francisco Vázquez mesmo chegou a insultar como “fundamentalistas” a aquelas persoas e organizacións que defenden o cumprimento da lei e das sentenzas xudiciais no referido á denominación oficial da cidade. Emilio Pérez Touriño debería demostrar o seu talante e pedir desculpas públicas polos seus excesos verbais.

 

A Mesa continuará a defender o cumprimento das sentenzas xudiciais e do consenso social sobre lingua, un consenso plasmado no apoio unánime en 1983 á Lei de Normalización Lingüística e no pasado mes de setembro ao Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega. Non se debería rachar o consenso nunha cuestión tan importante para Galiza simplemente por defender as fobias de Francisco Vázquez.

 

Con certeza, resultaría esperpéntico que Touriño se quixer candidatar á Presidencia da Xunta respaldando incumprimentos da lexislación e propiciando a maior agresión para a lingua galega desde a restauración da democracia. Querer que os topónimos galegos teñan unha forma oficial que vacile dependendo das maiorías políticas do momento, como se está a falar agora, ademais de ser unha tolería do punto de vista administrativo, significaría negar o principio estatutario de que o galego é a lingua propria da Galiza e, consecuentemente, rebaixar o status da Galiza dentro das comunidades autónomas do Estado español.

 

No auto xudicial que suspende o acordo plenario alértase da “rebeldía” do goberno municipal, a súa negativa reiterada a acatar as sentenzas xudiciais. Desde A Mesa entendemos que a Fiscalía debería tomar boa nota das implicacións recollidas nese auto, por se puidesen ter implicacións penais.

 

A Mesa pola Normalización Lingüística