Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Avelino González e Caramuxo estrean o seu novo espectáculo en Noia: Vento Mareiro

A obra naceu da colaboración dun actor e narrador oral como é Avelino González co grupo Caramuxo. Aínda que o ano pasado actuaron unha vez en Santiago e outra en Cee, a presentación definitiva do espectáculo será o venres 15 de abril de 2005 no Coliseo Noela de Noia. Durante o resto do mes de Abril e Maio, a actuación percorrerá algunhas das principais vilas galegas.
O espectáculo xira ó redor do mar. Tódalas historias que forman o repertorio de Vento Mareiro teñen ese sabor a mar que tamén se percibe no resto da producción dos seus autores: Manolo Rivas, Avelino González, Xurxo Souto e Avilés de Taramancos. O feito de actuar en Noia é un modo que o Andrucho, unha das personaxes creadas por Avilés, volte á ría da súa infancia.
Avelino González leva ó público da man neste percorrido humorístico e literario por moitos momentos destacados da historia recente de Galicia. Dende as habaneras ata a relación que existe entre Galicia e as sereas, dende o Gran Sol ata Colombia, as historias deixan ó
descuberto paradoxas da noso modo de vida. Para o propio narrador este espectáculo é como “sentar á beira dun bó conversador, fonte de historias, sucesos e anécdotas amables, tráxicas ou canallas.”. A música funciona ó mesmo tempo como máquina do tempo que nos traslada nun abrir e pechar de ollos ó momento desexado. Así o amosa o feito de contar cun repertorio de habaneras, valses, pasodobres e jazz. Ademáis de xirar en torno ó mar, a idea de Vento Mareiro surxiu do concerto expansivo Nunca Máis que se celebrou en tódalas vilas galegas en Febreiro do 2003.
Avelino Gónzález leva xa máis de dezaseis anos actuando por toda España e Portugal. Dende fai cinco anos tamén traballa como autor dramático e director. Nestes dous campos destaca a posta en escea da súa obra “Bicos con língoa” pola que recibiu o ano pasado o premio María Casares ó mellor texto orixinal e foi nominado na categoría de mellor dirección. Ademáis o actor compaxina as táboas cunha constante actividade como narrador oral que o levou a percorrer locais de toda Galicia e Madrid.
Caramuxo creouse no ano 1989 a partir do cuarteto de clarinetes da Orquestra Clásica de Vigo. Hoxe en día está composto por Patricia Cela, na percusión; Alonso Caxade, no acordeón; Fernando Abreu, no clarinete baixo; e Xoán Carlos Vázquez e Óscar Prieto, nos clarinetes. Os seus músicos xa pasaron por agrupacións coma a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Xove Orquestra de Galicia ou a Real Filarmonía. O seu repertorio abrangue a música tradicional, o jazz e mesmo a música clásica.
Mercedes Fernández (Prensa de Vento Mareiro)