De Babel á 'cibercidade' nunha reflexión artística sobre os asentamentos humanos

A estas tres recreacións súmase a construción dunha “cibercidade”, que se presenta como unha “alegoría do proxecto arquitectónico” co que Egor Orlov obtivo unha mención de honra en deseño urbano no concurso de edificios futuristas Skyscraper Competition en 2015. “Estiven buscando concursos de arquitectura e atopeime con esta cidade na que se mesturaban o analóxico dixital, na que había incluso unha impresora 3D que facía e desafía habitáculos segundo a necesidade”, apunta De Laiglesia, que viu neste proxecto unha idea “diferente e complementaria” ás das outras cidades, realizado ademais por un arquitecto ruso nun momento “no que hai outro ruso que se dedica a destruír cidades”. Xunto a estas catro urbes, a exposición complétase coa construción dunha torre de Babel, con pezas de madeira nas que aparece gravada "unha das nove letras do alfabeto dos íberos", nunha performance aberta ao público participante.
Cidades, animais e lámpadas
Conformada por un total de 22 pezas, a exposición combina as representacións das cidades cun mural conformado por diferentes paneis e que aluden á súa vez a estas recreacións. Así mesmo, a mostra reúne tamén unha serie de lámpadas e representacións de animais e formacións vexetais en madeira, que se presentan nos espazo contiguos. “Eu traballei sempre con triadas interconexas”, sinala De Laiglesia, que relaciona nesta mostra tres elementos aparentemente distantes, “pero conectados”, como a idea dos animais “como estrato base da natureza” e a das lámpadas como un elemento “que multiplicou a vida por dous”, ao permitir que as actividades puidesen continuar pola noite, “cambiando a historia da humanidade”.
Este proxecto expositivo completarase á súa vez coa publicación dun catálogo que, xunto con imaxes das pezas e da performance e o texto de presentación do seu autor, reunirá as achegas dos artistas e docentes da Facultade de Belas Artes Juan Loeck, Juan Luis Moraza e Fernando Casás e do experto en teatro e escultura e doutor en Filosofía Jürgen Minsch. Trátase, como lembra De Laiglesia, dos mesmos catro autores que participaron en 1999 no catálogo dunha exposición que o artista e docente levou a cabo na Galería Sargadelos e que agora se reúnen de novo nunha publicación que está previsto presentar na xornada de clausura da exposición, o 13 de abril.
Universidade de Vigo