Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Presentada a XIX edición do Festival de Cans, que terá lugar en maio

João Nicolau (Lisboa, 1975), realizou ata o de agora tres filmes, que se poderán ver en Cans e que foron estreados en certames de gran prestixio como Cannes, Venecia, BAFICI de Bos Aries, Locarno ou Sevilla. A irrupción do fantástico e o onírico entremesturados coa cotiandade que dá paso a novas realidades é unha das características da obra de Nicolau, convertendo o seu cine nun territorio máxico, onde a música e o humor xogan un papel destacado.

O director estará presente en Cans, onde o público poderá conversar con él sobre os seus filmes, e tamén sobre as súas curtametraxes, das que o festival ofrecerá unha sesión, con Rapace (2006), estreada en Cannes, Cançao de Amor e Saúde (2009), que tamén pasou por Cannes, e Gambozinos (2013), premiada en festivais internacionais como Milán, Belfort ou Vila do Conde.

Como explicou na presentación da imaxe desta XIX edición o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, a retrospectiva das longametraxes de Nicolau servirá como introdución ao festival na fin de semana anterior ao mesmo, buscando ampliar a mirada cinéfila do público á par que se descobren novos e interesantes autores de proxección internacional. Os filmes proxectaranse no Centro Cultural, cedido polo Concello do Porriño, e a entrada será de balde.

A primeira película, A espada e a rosa (xoves, 12 de maio ás 20 h), contará coa presentación do director que se dirixirá ao público vía streaming, para dar paso a John From (venres, 13 de maio ás 21 h) e o a Technoboss ( sábado 14 ás 12 h). João Nicolau estará presencialmente en Cans na fin de semana máis intensa do festival onde será o convidado do encontro Café Dromedario con CREA, organizado en colaboración coa asociación de directoras e directores galegos. Tamén ofrecerá ao público un avance do seu novo filme en posprodución, John in Christ.

Nova imaxe a cargo de Rei Zentolo, e o prezo máis baixo de todas as edicións para as primeiras 200 entradas

A retrospectiva anunciouse durante a presentación da imaxe gráfica e as camisetas do XIX Festival de Cans celebrada no Riquela Club, en Santiago de Compostela. Pablo Rodríguez, deseñador de Rei Zentolo, empresa que regrea a Cans, quixo destacar o elemento principal desta edición número 19: a volta da edición de Cans ao mes de maio, recuperando as datas habituais do certame. Explicou que o número 19 do tarot elixido para o deseño da imaxe deste ano e representada polo sol na parte superior, significa cousas positivas: vida, amor e felicidade. No fondo da imaxe, o can e outros símbolos do "agroglamour" de Cans como o jaliñeiro, os chimpíns, as flores ou o símbolo da paz, entre outros elementos agochados que quedan á descuberta do público.

Ao acto tamén acudiron a señora Alicia, do Jalpón de Alicia, a colaboradora máis popular e de maior idade de Cans, e César Lourido, en representación da Asociación Cultural Arela, encargada da organización do festival. Lourido avanzou que desde hoxe están á venda as primeiras entradas ao prezo máis baixo de toda a historia do Festival de Cans. Serán 15 euros por cada pack de entrada, camisola oficial do certame, catálogo e chapa de edición limitada. O prezo final os días do festival será de 27 euros. A oferta está limitada aos primeiros 200 packs e só estará dispoñible ata o 26 de abril na tenda virtual do festival de cans https://tenda.festivaldecans.com. Esta rebaixa nos prezos realízase para fomentar o retorno do público ás salas trala pandemia.

No que respecta ás capacidade dos jalpóns, neste 2022 amplíase ao 75%, aumentando as fixadas nas dúas edicións pasadas. Coa máxima da prudencia, a organización mantén a obrigatoriedade da mascariña no interior dos jalpóns, os espazos privados en casas que cede a veciñanza de Cans.
Festival de Cans