17 espectáculos para celebrar a 27ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

O feito de chegar a cumprir a súa 27 edición tamén foi recalcado por Olga Mojón, directora do Teatro Principal, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, que lembraron a colaboración institucional que aúna esta mostra. A esta colaboración pública únese este ano por primeira vez o patrocinio dunha empresa privada, Cervexas Esmorga, cuxo fundador, Luis Portabales, destacou na presentación da Miteu que desde a súa “modestia como empresa” quixeron colaborar con esta iniciativa sacando unha edición limitada do seu produto co gallo da celebración da mostra.
A piques de rematar o seu mandato como vicerreitora, Esther de Blas quixo ademais agradecer ás institucións presentes no acto o “respecto e agarimo” amosado durante estes catro anos que estivo á fronte do campus de Ourense. Estas palabras foron correspondidas polos representantes institucionais presentes, que agradeceron a Esther de Blas a colaboración e o trato dispensado.
Reflexionar, emocionarse e gozar
Fernando Dacosta, director da Miteu, foi o encargado de debullar a programación desta 27ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, que se desenvolverá en diversas rúas da cidade, no campus, no Teatro Principal, no Liceo e no Café Auriense, entre outros espazos. Da cita destacou que contará con 17 espectáculos de xéneros diversos, desde o teatro de rúa ata o circo, ofrecidos por aulas e compañías procedentes de ademais de España, de Italia, Portugal e México. Aínda que a maior representación corresponde a grupos de Galicia, esta edición inclúe representacións procedentes de Madrid, Castilla y León, Navarra, Murcia e Catalunya, participando artistas como Pepe Viyuela (co espectáculo Encerrona) e Leo Bassi (con Yo Mussolini) pero tamén e sobre todo aulas de teatro de universidades como as de Vigo, Ourense e Pontevedra, Lugo, Navarra, Murcia e Burgos.
Desta 27ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, o seu director apuntou como destaca na programación “a reflexión sobre o mundo que nos rodea” e o traballo das compañías por “darlle forma artística a esa reflexión”. Así, dixo Fernando Dacosta, nos espectáculos están presentes temas como as pandemias, as migracións, a dor do ser humano ou a nostalxia, sen faltar igualmente o amor e o humor. A mostra, engadiu, segue coa idea de “tocar diversos xénero, estilos e poder chegar á cidadanía e que todos teñan o seu lugar para gozar, para reflexionar e para emocionarse”. Tamén adiantou que esta edición renderá homenaxe ao músico falecido Xaime Mateo cun concerto e que o Premio da Miteu será para Mohamed Azibou, actor e “amigo da Miteu” por ser “ponte cultural” entre as culturas galega e marroquí.
Participación da UVigo
A programación da mostra arrancará o domingo 1 de maio coa actuación de Rosaura Aula Universitaria de Ourense, que representará ás 19.00 h o seu espectáculo de rúa A contrapé no centro da cidade, da Praza Maior aos Xardíns Padre Feijoo. Non será a única aula escénica da UVigo que actuará nesta edición da Miteu. O martes 3, Cordelia Aula Universitaria de Ourense levará o seu espectáculo Ecos do deshabitado ao Teatro Principal. Igualmente, o martes 10 a Aula de Teatro de Vigo representará no mesmo escenario Emigrados e a Aula de Teatro de Pontevedra Nosa Señora das Nubes. O peche desta edición da mostra correrá a cargo, como xa é tradición, da tamén Aula Universitaria de Ourense Maricastaña, que presentará ao público o seu espectáculo O parke do crepúsculo. A aula de danza do campus de Ourense tamén participará nas 11ª Xornadas de Danza D-Outras, que terá lugar o sábado 14 no Teatro Principal.
O campus de Ourense tamén participará nesta edición acollendo varias das súas actividades complementarias, como son o día 3 de maio a presentación do libro Bestiario con Pepe Viyuela e o 14 de maio, na antiga capela, o Curso de Principios Básicos da Commedia dell´Arte.
Universidade de Vigo