Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Concerto de Northwest no espazo cultural da UDC, NORMAL

Nos últimos dous anos, Northwest gañou a atención dos medios de comunicación grazas aos seus manifestos, o seu xeito pouco convencional de publicar música e as súas diferentes saídas creativas que superan os límites do que se considera música.

Os seus espectáculos en vivo, que incorporan elementos visuais e danza, foron cualificados como cativadores e hipnóticos. Contan coa colaboración de artistas como a deseñadora Francesca Carriero, autora do traxe que leva Mariuca no escenario, e co director de cine Álvaro Gómez-Pidal, responsable de gran parte da metraxe usada nos visuais e que dirixiu varios dos videoclips de Northwest.

Northwest non se limita só ao ámbito musical e proba disto son as numerosas pezas de videoarte, danza, fotografía, ilustración e animación que levan creando e lanzando desde o inicio da súa carreira como parte complementaria do proxecto.

Ademais desta actividade, NORMAL organiza mañá, mércores, 4 de maio, ás 19:00 horas, unha visita guiada á exposición “Cabria para NORMAL”, a cargo do comisario Ángel Calvo Ulloa. A mostra pode verse no horario habitual ata o 10 de xuño.

Finalmente, o día 12 de maio, ás 20:00 horas, está prevista a conferencia “Xenakis. A diagonal e o ruído” a cargo do Resis. Festival de música contemporánea. A charla estará moderada por Paco Yáñez, escritor e crítico musical, e contará coa presenza de Xosé Manuel Casabella, membro da Real Academia de Belas Artes; Aitor Vázquez Torres, director de Arxis Ensemble; Noè Rodrigo, percusionista; e Hugo Gómez-Chao, compositor.
Universidade da Coruña