Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Mar Ramón Soriano desprega os seus 'sistemas empáticos' na Sala Alterarte

Na inauguración da mostra, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, salientou como a exposición forma parte do ciclo Activar a mirada, desordenar o pensamento, que este curso académico, baixo a coordinación de Sara Donoso, trouxo á Sala Alterarte exposicións realizadas por tres mulleres creadoras. Do mesmo xeito, Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais no campus de Ourense, felicitou á comisaria Sara Donoso por esta xeira de exposicións e salientou como a mostra de Mar Ramón Soriano retrae ao público á súa infancia e “cando todos xogabamos con terra e con auga e facíamos cousiñas de barro”. Visiblemente emocionada, Esther de Blas tivo tamén palabras de lembranza e recoñecemento para Manuel Ramos Cabrer, vicerreitor de Ordenación Académica de Profesorado da UVigo falecido no día de onte. “Non hai palabras para definir a persoa extraordinaria que era”, afirmou.

En diálogo

Segundo explicou Mar Ramón Soriano na inauguración da mostra, nas pezas que a conforman insiste na súa liña de interese “no diálogo entre o corpo e os obxectos domésticos, en como nos amoldamos a eles e como eles se deseñan para que nos amoldemos”. En todo caso, dixo, nelas hai algúns cambios con respecto a obras anteriores, “sobre todo formais, de como o corpo se presenta”. Así, detallou, “sempre estaba traballando con pezas moi pesadas, ao mellor moi masivas, e apetecíame algo máis lixeiro, con menos peso, máis volátil” polo que, indicou a artista, o “oco” pasa a estar máis presente que antes.

Sobre o título da mostra Mar Ramón Soriano indicou que escolleu a palabra sistemas porque lle gustou a súa asociación con diálogos interpersonais. “Un sistema é como algo creado por moitos individuos con moitos elementos que teñen un sitio e unha función concreta e parecíame que as esculturas desta exposición conforman ese tipo de construcións, como de sistema”, afirmou a artista, titulada e doutorada pola Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra. Por outra parte, engadiu, escolleu a palabra empáticos en relación ao uso de elementos na mostra como as cordas, “que son como máis flexibles e dan lugar a uns diálogos dalgún xeito máis agradables, o corpo non está como estático senón que hai un bamboleo que fai que estea máis cómodo”.

Pola súa banda, Sara Donoso salientou que a mostra “é unha exposición para deixarse levar, para percorrer e ver o diálogo que temos coas pezas”. Mar Ramón Soriano, destacou, “basea a súa investigación e práctica artística na exploración dos elementos cotiáns, aos que outorga novos significados para chamar a atención sobre as súas posibilidades expresivas e conceptuais, incorporándoos a outros materiais como a cerámica e o téxtil”. As súas obras, engadiu, “expóñense como unha ensamblaxe continua onde o diálogo entre o brando, o duro, o coñecido e o estraño conforman un conxunto que pretende facernos cómplices do noso propio corpo”. Na súa descrición da exposición, Donoso subliñou que “círculos que compoñen novas entidades, estruturas pertencentes ao ámbito doméstico (agarradoiras de bañeira, de toalla, de papel hixiénico...) ven alterado o seu escenario (aínda que manteñen moitas veces a súa función de amarre ou de alicerce) ao situarse ao servizo dun exercicio tan poético coma artístico de conexións entre elementos. A cerámica, robusta pero fráxil, repousa moitas veces sobre estruturas lixeiras e maleables para perseguir unha estética de contrastes”.
Universidade de Vigo