O Observatorio Ramón María Aller achega ás vilas galegas a beleza astronómica e artística dunha ruta marcada polas estrelas

Nos meses de agosto e setembro unha morea de lugares de Galicia acollerán sesións astronómicas públicas que se realizarán a simple vista ou con telescopios portátiles que desprazará a USC para a ocasión. O Barco de Valdeorras, Lalín, Allariz, Sobrado, Santa Comba, Cartelle, Ribadeo, Sanxenxo, O Grove, Sarria, Noia, Rianxo, Teo, Boqueixón ( no Pico Sacro), Padrón, Bóveda e Santiago de Compostela son algunhas das localidades onde se celebrarán. Nelas, as persoas participantes aprenderán a identificar diferentes obxectos observables como as constelacións, coa contemplación do chamado triángulo de verán que conforman as estrelas brillantes Vega (na constelación da Lira), Altair (na Aguia), e Deneb (no Cisne), así como a propia Vía Láctea, visible cando os ceos están ben escuros, ou os planetas Xúpiter e Saturno, que poderemos observar á primeira hora da noite a partir da segunda quincena de agosto. Os telescopios desprazados pola USC permitirán ademais divisar estrelas dobres, nebulosas e cúmulos estelares e, sobre todo, os detalles da Lúa en canto esta entre na súa fase crecente.
As conferencias sobre os motivos xacobeos do Camiño, sobre a súa mitoloxía e historia celebraranse en concellos como Dozón, Rodeiro, Lalín , Silleda, San Cristovo de Cea, Chantada, Melide ou Palas.
Todas as sesións son de balde e na páxina web do programa pódense consultar as datas previstas en cada concello así como as vías para reservar as prazas dispoñibles.
Universidade de Santiago de Compostela