A Policía Autonómica e a UIFO identifican un responsable dun incendio intencionado en Santiago de Compostela

Na investigación colaboraron tamén axentes da Policía Nacional de Santiago de Compostela e axentes ambientais do Distrito forestal III de Ordes, o que amosa a coordinación e colaboración entre as distintas administracións na loita contra os incendios.
As dilixencias polos feitos xa foron enviadas pola Policía Autonómica ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Santiago de Compostela, se ben a investigación policial segue aberta á espera de identificar a outro dos autores. Así, as pescudas da Policía Autonómica establecen que o lume foi intencionado e que se iniciou previsiblemente cun chisqueiro, tal e como recollen no atestado.
No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 37 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.
Ante a climatoloxía actual, a Xunta apela á concienciación e á prudencia nos accesos e traballos en terreos agrarios de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.
Xunta de Galicia