Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O sector artístico e cultural centrará a Feira de Emprendedoras de Compostela

Cada ano, esta Feira dedicada ás emprendedoras de Compostela e a súa contorna, así como ás universitarias que son as futuras empregadas e creadoras de emprego, é escenario de encontro entre referentes e emerxentes de diferentes sectores (desta volta, dos sectores culturais e artísticos), coas futuras xeracións. Trátase dun espazo de diálogo directo no que compartir experiencias, inquedanzas e aprender, tal e como puxeron de manifesto este venres 16, en rolda de prensa, a delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro; e o alcalde Xosé Sánchez Bugallo. Tamén estivo presente no acto a directora de Woman Emprende, Eva López Barrio; e Carme Casado, do departamento de Promoción Económica do Concello.

Campus de Emprendemento

A iniciativa consta dun Campus de Emprendemento que se desenvolverá do 26 ao 29 de setembro no Teatro Principal, en horario de 17.00 a 20.30 horas. A responsable da formación é Nekane Fernández, emprendedora, psicóloga, actriz e formadora de teatro. Trátase dunha formación gratuíta para universitarias da USC “con inquedanzas por descubrirse, a través das técnicas teatrais, a si mesmas, as súas habilidades, os seus soños, e medrar como persoas e futuras profesionais”, apuntan dende a organización. As inscricións poden formalizarse a través deste formulario. Tras a formación, o día 30 de setembro, as alumnas realizarán unha mostra teatral no propio Teatro Principal, a carón de Mónica García, pertencente ao Grupo Chévere, e da artista interdisciplinaria Celia Pía.

Na mesma xornada e no mesmo escenario, terá lugar a feira expositiva que se complementará con diversas mesas de debate. Dirixida ao público en xeral, a entrada é de balde. Deste xeito, as alumnas terán a oportunidade de coñecer en directo as respectivas experiencias de emprendedoras referentes.
Universidade de Santiago de Compostela