Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

35 propostas diversas dunha ducia de países, incluídas tres estreas, no festival Maré, Músicas e Artes atlánticaS

Esta edición 2022 do festival Maré, presentada esta mañá no parque de Bonaval, segue a apostar pola creación feminina e da mocidade, a experimentación, as novas linguaxes artísticas e a diversidade cultural poñendo o foco naqueles territorios cos que Galiza comparte lazos lingüísticos, históricos e outros sentimentais das dúas beiras do Atlántico.

Así o explicou Vítor Belho, de Nordesía producións, promotora do festival, quen tamén salientou a ampla representación galega entre as 35 propostas desta edición, que inclúe artistas procedentes doutras comunidades do Estado, como Catalunya, Asturias ou Euskadi, e doutros países e territorios como Angola, Brasil, Portugal, o Rajastán na India, os Balcáns, Arxentina, Francia, o Sáhara Occidental, Guiné-Bissau ou Escocia.

Belho quixo destacar así mesmo a ampla presenza nesta edición de potentes voces femininas como a da angolana Pongo, a saharauí Aziza Brahim e o seu cuarteto eléctrico, a brasileira Dandara Manoela ou a arxentina Sofía Viola. Tamén a das galegas A Pedreira, que pechará o festival co seu primeiro disco en solitario Segmento cantábrico, Guadi Galego coa fin de xira de Costuras, e outras artistas emerxentes como Antía Muíño ou Catuxa Salom.

Vítor Belho estivo acompañado no acto de presentación pola directora de Turismo de Galicia da Xunta, que ampara este festival baixo o selo dos concertosdoxacobeo.gal. Nava Castro afirmou que "con este Xacobeo tiñamos a idea de diversificar o máis posible, para que a cultura de festivais coma este contribúa a divulgar Galicia e os nosos valores compartidos".

A concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago deu a benvida a esta terceira edición do festival Maré en Compostela despois de dous anos duros: "Xa prometía e hoxe culmina con este interesantísimo proxecto que nos coloca no centro das músicas e artes atlánticas". Mercedes Rosón destacou o programa en feminino deste Maré 22 e convidou a residentes e visitantes de Compostela a sumarse ao evento.

Pola súa banda, o deputado provincial Blas García, en representación da Deputación da Coruña, institución que patrocina o festival a través dunha nova liña de axudas, fixo fincapé no retorno económico que supón para o comercio e hostalería locais, ademais do apoio ao sector musical tan prexudicado pola pandemia.

Crisol de xéneros musicais e culturas que comparten, no Maré 22 sonarán melodías pop, soul, blues, música electrónica, experimental, rap, dub, kuduro, ritmos bulu e bikutsi, gqom, batida, amapiano, afrobeats, semba, kizomba ou folk e outras músicas de raíz escritas e cantadas en diferentes linguas, do galego ao portugués pasando polo rajasthani, o kimbundu, o catalán, éuscaro, escocés, asturiano, inglés, francés, árabe ou español. O domingo 25 o festival Maré volverá celebrar o Día Europeo das Linguas cunha xornada festiva e música de balde en Mazarelos e na sala Riquela en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ademais da promoción do talento, Maré 22 mantén como obxectivos principais a interculturalidade e a tolerancia, que se traducen na procura da emoción, o descubrimento, a creación e a información, destacando a importancia e o potencial dunha sociedade multicultural. As tradicións centenarias dos manganhiars do Rajasthan, da man dos Barmer Boys ou Fogo Fogo, a banda que está a converter o funaná de Cabo Verde nun ritmo das pistas de baile en Portugal e no ámbito lusófono, son outras das propostas desta edición.

Sonará tamén en directo a fusión que o francés James BKS, fillo de Manu Dibango, realiza da tradición musical con ritmos electrónicos que se atopan no continente africano. Tampouco faltarán o caldo, os grelos e o pulpo á feira da man dos Malandrómeda, que volven aos escenarios e avanzan novo traballo, ou da mítica banda de hip hop de Ordes Dios Ke Te Crew, que vén de sacar novo EP e contará coa colaboración de, entre outros, Boyanka Kostova para entonar O.G., considerado xa o novo himno galego.

Os dereitos civís antirracistas e LGTB+, a diversidade funcional, o feminismo, o indixenismo, a igualdade entre pobos e linguas ou contra o despoboamento rural volverán ser bandeira deste Maré 22 xunto ao gran desafío do cambio climático e a persecución da sostibilidade ambiental, en consonancia cos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) formulados na estratexia de Festivais e Axenda 2030.
Festival Maré