Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O proxecto Aldearmos bota a andar para dinamizar a cultura no rural de Ourense e Lugo

Aldearmos foi presentado por Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Jacobo Sutil, director de Agadic (Xunta de Galicia); Óscar Penín, secretario da Rede Aldear e investigador do campus de Ourense, e Noemí Vázquez (socia da rede e xerente do espazo A Arca da Noe). Na súa intervención, Elena Rivo destacou que esta colaboración xorde no marco do interese do campus de abrir as súas actividades alén da cidade e achegarse ao rural dun xeito “agradable e entretido” e contribuír a dinamizar estes espazos a través de proxectos innovadores como o lanzado este mércores. A vicerreitora lembrou o compromiso da institución académica co fomento da transferencia e a divulgación coa contorna e contribuír ao seu desenvolvemento. “Podemos achegar moito ao rural”, afirmou Elena Rivo.

Jacobo Sutil indicou que Aldearmos é un dos 15 proxectos financiados polas axudas Territorio Cultura da Xunta de Galicia e apuntou como este tipo de iniciativas amosan que “pode haber unha programación máis contemporánea fóra dos espazos máis urbanos, neste caso en espazos rurais”, felicitando á rede polo traballo feito. O proxecto, apuntou, “ten moi bos vimbios”. Pola súa banda, Óscar Penín explicou que Aldear conta con arredor dunha vintena de emprendedores de Lugo e Ourense que se xuntaron “porque queriamos promover e reforzar as nosas iniciativas”. O apoio de Agadic e a UVigo, dixo, permítelles afrontar as súas iniciativas dun “xeito máis ambicioso” e con máis forza presentando agora o proxecto Aldearmos. “Estamos creando rizoma para un rural vivo”, afirmou.

Catro liñas de actuación

Segundo explican os seus promotores, “Aldearmos é un programa que conta con catro pés que teñen como obxectivo amosar a vitalidade do rural das provincias de Lugo e Ourense e contribuír a asentar proxectos culturais nel”. A primeira desas catro liñas de actuación é Aldear na Escola, un programa de intervención socioeducativa que levará 18 xornadas de traballo a diferentes centros educativos do rural das provincias do interior. A segunda é Aldear Campus Auga: un programa de intervencións científicas en contextos non académicos onde investigadores de primeira liña do campus de Ourense presentarán os resultados das súas investigación sobre as comarcas do interior buscando unha interlocución amena e didáctica. Contará con máis de 10 relatores.

A terceira liña é Aldear Acompaña, unha oficina de promoción económica do cuarto sector e móbil, que acompañará as actividades anteriores e mantida por especialistas en economía social como Uxío Novoneyra Rei ou Óscar Penín. Por último, está a liña Aldear Itinerancias, un programa de eventos en zonas rurais onde se amosen prácticas e espectáculos de vangardas creados por en para as zonas menos despoboadas e que se constrúan a través do intercambio de programación entre os socios da rede. Están pechados 6 eventos ata final de anos e contan con facer outros 6 ata a finalización do programa en marzo.

Primeira cita

O primeiro dos evento de Aldearmos terá lugar este domingo 23 de outubro en Vilar de Santos (Ourense) e nel confluirán varias das liñas de traballo descritas para crear unha programación de “impacto, tanto no local como na visibilización do que se está a facer nos espazos máis illados”. A programación, explicou Noemí Vázquez, enmárcase na novena edición do mercado de produto local e de artesanía da localidade. A programación, ao longo do día, inclúe actividades no Museo da Limia e na A Arca da Noe como un concerto do Coro Universitario do Campus de Ourense, unha conferencia do investigador da Facultade de Ciencias David F. Calviño sobre alternativas naturais aos químicos na agricultura, a presentación da Rede Aldear, un concerto de Pan sen Fron, contos con Anxo Moure, Teatro de Coles, David Regueiro e un espectáculo de danza e música con Camille Hedouin (Mounqup) e Nuria Sotelo. Ademais haberá numersos postos de artesanía e produto local. Tras Vilar de Santos, Aldearmos continuará en A Veiga, O Courel e Nogueira de Ramuín.
Universidade de Vigo (UVigo)