Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Plan de Saneamento das Rías da Coruña e O Burgo supón un investimento de preto de 148 millóns de €

O Plan de Saneamento e Recuperación do Contorno das Rías da Coruña e O Burgo e concellos limítrofes, promovido pola Consellería de Medio Ambiente, supón un investimento de preto de 148 millóns de euros para a realización de diversas obras hidráulicas. Así o manifestou na Coruña o vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, durante a presentación deste programa de actuacións.

No acto tamén participaron o secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente e presidente de Augas de Galicia, Justo de Benito Basanta; o director xeral de Augas de Galicia e presidente da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, Emilio García Gallego; e a delegada provincial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Ana María Díaz López.

MELLORA AMBIENTAL

O Plan de Saneamento e Recuperación do Contorno das Rías da Coruña e O Burgo e concellos limítrofes é un ambicioso programa de actuacións que Medio Ambiente cofinancia co Estado, a través dos Fondos de Cohesión da Unión Europea, e ten como principal obxectivo avanzar na mellora da xestión das augas residuais e minimizar o impacto destas sobre o contorno natural. Cómpre salientar que máis do 68 por cento das obras programadas están xa rematadas ou en fase de execución, o que supón que xa se investiron máis de 101 millóns de euros neste plan de saneamento.
Ademais dos beneficios ambientais, esta rexeneración das rías da Coruña e do Burgo suporá una mellora substancial na calidade de vida da poboación, xa que poderá dar servizo a 600.000 habitantes.

Segundo apuntou o conselleiro, o plan representa o impulso definitivo destas rías coruñesas e garante o cumprimento da normativa na materia. Trátase de potenciar o valor fundamental que representan estes espazos na paisaxe e na economía galegas para que a poboación poida gozar de toda a súa riqueza natural.

As actuacións propostas agrupáronse en catro grandes grupos: ría do Burgo e concello de Oleiros –obras que se desenvolven en dúas fases-; concello de Arteixo; área urbana da Coruña; e Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) e emisario submariño de Bens (A Coruña). As previsións de Medio Ambiente indican que as obras incluídas neste plan estarán finalizadas en decembro de 2006, a excepción da EDAR e emisario de Bens (obras declaradas de interese xeral), que se rematará a finais do ano 2008.

OBRAS NA RÍA DO BURGO

Os investimentos previstos para a ría do Burgo nunha primeira fase de actuacións ascenden a 9,8 millóns de euros e consisten na ampliación e mellora dos bombeos e impulsións de Bastiagueiro, Santa Cruz e Pasaxe (Oleiros), de Ponte de Cela e do Temple (Cambre) e de Acea de Ma e Portazgo (Culleredo), obras que na actualidade xa están en execución; e na impulsión das augas residuais de Mera e Canide a Breixo (Oleiros) e no saneamento da marxe esquerda dos ríos Valiñas e Mero (Culleredo), obras xa rematadas.

A segunda fase de actuacións nesta ría supón un investimento global de máis de 14,4 millóns de euros para un total de cinco proxectos hidráulicos. As obras de instalación da rede de colectores secundarios no concello de Oleiros, do colector da marxe do río Mero (Cambre) e da rede de colectores secundarios e plantas depuradoras no concello de Cambre están xa licitadas, mentres que a colocación do colector de marxe do río Valiñas nunha segunda fase (Culleredo) e da rede de colectores secundarios e plantas depuradoras no municipio de Culleredo son actuacións xa adxudicadas pola Consellería de Medio Ambiente.
ARTEIXO E ÁREA DA CORUÑA

Para o concello de Arteixo as obras previstas consisten na ampliación e mellora dos bombeos e impulsión de Arteixo, Bens e Sabón, infraestrutura xa finalizada; e na instalación da rede de colectores secundarios en Arteixo, proxecto que xa foi licitado. Nestas dúas obras investirase máis de 9 millóns de euros.

Pola súa banda, na ría da Coruña están xa en execución a rede de colectores do río Mesoiro e as obras de ampliación e acondicionamento da rede de colectores na área de influencia do porto da Coruña. Ademais, estase a tramitar o proxecto da nova canalización do río Monelos-Mesoiro. Cómpre salientar que Medio Ambiente xa finalizou neste municipio os traballos de mellora dos colectores en Ponte da Pedra e do saneamento de San Roque. O custo deste conxunto de obras supera os 24,1 millóns de euros.

A Estación Depuradora de Augas Residuais de Bens e o emisario submariño de Bens concentran un investimento de 90,5 millóns de euros, do que a Administración Hidráulica de Galicia achegará o 15 por cento (un total de 13,5 millóns de euros), xa que se trata dunha obra declarada de interese xeral. Os traballos da Edar de Bens están xa en execución, mentres que o proxecto do emisario submariño está a tramitarse na actualidade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia