Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Cidade das TIC contará cunha nave cun estudio virtual de produción audiovisual pioneiro en España

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, compareceu en rolda de prensa xunto á alcaldesa da cidade, Inés Rey, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e o presidente do Clúster Audiovisual de Galicia, Jorge Algora, para confirmar que a Deputación vén de obter financiamento europeo para executar un ambicioso proxecto no que leva traballando dende hai tempo e que suporá a construción do maior estudo virtual de produción audiovisual de Galicia e un dos maiores de España, con tecnoloxía avanzada.

“Trátase dun proxecto pioneiro, unha gran aposta pola innovación que converterá a Galicia nunha referencia do sector audiovisual a nivel estatal e europeo grazas a un investimento de 6,7 millóns de euros”, explicou o presidente, que detallou que 5M€ estarán financiados con fondos Next Generation e 1,7M€ con fondos propios da Deputación da Coruña. Os fondos europeos para este proxecto foron tramitados a través do centro NEXT da Deputación no Concello da Capela.

Formoso incidiu en que o proxecto suporá “un posicionamento estratéxico de Galicia” dentro do Plan “España, Hub audiovisual de Europa”, dotado con máis de 1.600 millóns de euros de orzamento ata 2025 e destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país, impulsar a súa internacionalización e competencia nos mercados internacionais. “Situamos a Galicia como un territorio idóneo e competitivo para a localización de rodaxes, producións e posproducións”, afirmou.

Valentín González Formoso subliñou a importancia do sector audiovisual galego, que representa hoxe o 28% do total da industria cultural, xera máis de 4.500 empregos, factura 411 millóns de euros e agrupa a 707 empresas na comunidade, o 76% delas na provincia da Coruña. “Galicia está hoxe á vangarda na produción de produtos audiovisuais de calidade a nivel nacional e conta con empresas líderes na industria do cine, as series, a televisión ou a animación, pero ten aínda un gran potencial de crecemento que queremos axudar a desenvolver completamente nos vindeiros anos con este proxecto”, afirmou.

A ubicación elixida para este novo e pioneiro espazo especializado en produción audiovisual virtual é a Cidade das TIC da Coruña, co obxectivo de “crear sinerxías co sector tecnolóxico, xa que alí poderase atopar boa parte do talento dixital que innegablemente vai necesitar o sector audiovisual nun futuro moi próximo”, explicou Formoso, que agradeceu a colaboración da UDC, o Concello da Coruña, o Clúster Audiovisual galego (26 empresas audiovisuais apoiaron o proxecto) e o Clúster TIC. “Demóstrase unha vez máis que a colaboración das diferentes administracións é clave para sacar adiante os grandes proxectos de país”, subliñou o presidente.

A alcaldesa sinalou que “cultura e tecnoloxía están dentro do noso modelo de cidade”. Este proxecto, manifestou Inés Rey, “consolida a Cidade das TIC e consolida á Coruña como un polo de referencia no sector tecnolóxico”. Para o reitor, este proxecto no que se integra tecnoloxía e medios audiovisuais “está vinculado co que quere ser a Universidade da Coruña” lembrando que nos campus coruñeses e ferrolán se poden cursar varios graos relacionados coa dixitalización que contribuirán a que o alumnado da UDC poida desenvolver o seu futuro labor profesional en contornas dixitalizadas.

Pola súa banda, o delegado do Goberno apuntou que neste proxecto hai “un investimento importante que supón un apoio ao sector audiovisual”. Finalmente, o presidente do Clúster Audiovisual apuntou que a tecnoloxía que se instalará nas novas instalacións permitirá rodar producións como as de “A guerra das Galaxias” o que fará máis competitivo o sector audiovisual galego.

A previsión é que se licite o proxecto de obra no primeiro trimestre de 2023 e que a nave estea construída a finais do próximo ano.

Ao acto de presentación acudiron responsables de diversas empresas produtoras de audiovisual de Galicia.
Universidade da Coruña