Unha recreación virtual de Galicia permitirá xestionar datos do territorio e facer predicións e simulacións con intelixencia artificial

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Consellería de Facenda e Administración pública, xunto coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, da Consellería de Medio Rural e o Instituto de Estudos do Territorio, da Consellería de Medio Ambiente e Territorio, desenvolverán a reprodución virtual de Galicia en forma de xemelgo dixital. Esta ferramenta permitirá planificar e xestionar de forma intelixente, en base a simulacións e analíticas preditivas, a prestación de servizos e actuacións públicas e privadas, sobre todo en contornas rurais.
O xemelgo dixital articúlase en torno ao proxecto Territorio Intelixente e o Sistema de Información Xeográfica da Xunta de Galicia (SIX). As principais aplicacións terán que ver coas actividades agrarias, a mobilidade interurbana e a xestión de infraestruturas rurais.
A Xunta de Galicia aporta xa ao proxecto activos de partida como as Aldeas Intelixentes; a posta en marcha dunha rede de Internet das Cousas (proxecto iCousas), xestionada de maneira centralizada e con cobertura do 71% do territorio; actuacións integradas no Civil UAVs para o uso de aeronaves non tripuladas; ou o modelo único, modular e configurable de comunidade enerxética.
Entre os retos do xemelgo dixital están o mellor aproveitamento dos recursos públicos e as infraestruturas para acadar un modelo de transporte sostible en base a datos históricos e predición de tendencias; a creación de ferramentas e técnicas para mellorar a optimización dos recursos agrarios e gandeiros; ou facilitar a captación, análise de datos e simulación para a toma de decisións operativas máis eficientes na xestión das infraestruturas rurais.
O xemelgo dixital, que será aberto e colaborará con outros territorios, contará con servizos como simulador de escenarios; visualización 2D, 3D e 5D; visor GIS; cadro de mandos; mapa de rúas interactivo ou información de meteoroloxía e clima. Utilizará tecnoloxías de intelixencia do dato, como servizos analíticos, ‘machine learning’, algoritmos de IA, capa de modelado de datos e un espazo de datos (lago de datos federado da Xunta de Galicia).
Os datos procederán de sensores de Internet das Cousas (IoT), cámaras fixas, aeronaves non tripuladas (UAVs) e estacións meteorolóxicas.
A iniciativa galega, con orzamento de 4 millóns de euros, forma parte do proxecto Retech “Aceleración de ecosistemas de emprendemento e innovación baseados en xemelgos dixitais”, no que tamén participan as comunidades da Rioxa, Estremadura, Navarra e Castela A Mancha.
Xunta de Galicia