Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Salón Nobre de Fonseca, escenario de 'Shakespeare en Roma', a última produción do CDG

O reitor da USC, Antonio López, e conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitaron o equipo do espectáculo Shakespeare en Roma, a nova produción do Centro Dramático Galego, para coñecer de primeira man a evolución dos ensaios que se están a desenvolver no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela. Convertido en escenario grazas ao acordo de intercambio entre a institución compostelá e a Xunta de Galicia, este espazo acollerá tamén o período de exhibición desta proposta, que se estrea o 9 de febreiro e estará en cartel ata o 2 de abril.

A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, asistiron tamén á sesión de ensaios, na que saudaron e conversaron co director portugués Rui Madeira, co elenco de oito intérpretes (Xurxo Cortázar, Sheyla Fariña, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Santi Romay e Toni Salgado) e con outros responsables artísticos como Xosé Lois Romero, a cargo da música.

Catro direccións e dramaturxias

A comitiva interesouse polas particularidades do plan de traballo, xa que Shakespeare en Roma xunta nun mesmo espectáculo as catro pezas do dramaturgo británico ambientadas no Imperio Romano, con achegamentos dramatúrxicos e direccións de escena distintas para cada unha delas, mais cun elenco común para todas. Así, Madeira dirixe Coriolano a partir da dramaturxia de Volodymyr Snegurchenko; María Barcala e Xúlio Lago, Xulio César na versión de Ana Carreira; Sara Rey, Antonio e Cleopatra segundo o texto de Ana Abad de Larriva, e Quico Cadaval, Tito Andrónico, a partir da reescrita de Lorena Conde.

O Centro Dramático Galego regresa con esta nova produción ao universo shakespeariano para ofrecerlle ao público actual unha revisión destes catro títulos, cada un deles condensado en pouco máis de media hora. Ademais, esta particular proposta permite unir tres momentos da historia: o presente, o período isabelino e a Roma clásica a través da guerra, a violencia e a loita polo poder que guían o destino dos personaxes, co foco posto nalgúns dos secundarios presentes nos orixinais.

Marco isabelino

Neste caso, o ambiente isabelino no que se escribiron e estrearon por vez primeira estas obras recrearase grazas á súa exhibición no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, que permitirá ademais unha posta en escena de proximidade cos intérpretes compartindo espazo co público. O seu uso para os ensaios e as 39 representacións programadas é posible grazas ao convenio de colaboración asinado coa Universidade de Santiago de Compostela, polo que a Xunta cede á súa vez o Salón Teatro de Santiago para a celebración do Festival Internacional de Teatro Universitario e do Festival USCénica.

Ademais, este acordo permite conectar o mundo escénico profesional co público universitario a través da realización de diferentes actividades de divulgación cultural arredor de Shakespeare en Roma nas facultades de Xeografía e Historia, Ciencias Políticas e Sociais, Filoloxía e Filosofía.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)