Un ciclo de conferencias reflexionará sobre o 'crecemento desmesurado da economía' e a necesidade dun proceso de decrecemento

Os debates celebraranse no salón de actos da Facultade de Comercio, en Torrecedeira, os martes 7, 14 e 21 de marzo a partir das 19.00 horas.
Primeira xornada: que é o decrecemento
A primeira xornada do ciclo, vindeiro martes 7, centrarase en explicar que é o decrecemento e por que é necesario. Para iso Begoña de Bernardo Miño, enxeñeira agrónoma e presidenta de Véspera de Nadal; Remedios Copa Sánchez, vicepresidenta da Rede para o Decrecemento Eo-Navia, Galiza, O Bierzo e Xoán Doldán, profesor de Economía Aplicada na USC e membro da Rede para o Decrecemento Eo-Navia, Galiza, O Bierzo, falarán sobre a necesidade “crear un imaxinario novo e posibilista” e analizarán, dende punto de vista teórico, que é o decrecemento, facendo fincapé nos motivos polos que este enfoque é necesario para facer fronte á crise enerxética e ao quentamento global.
Segunda xornada: as limitacións das enerxías alternativas
O segundo martes de marzo, o día 14, o debate centrase nas limitacións das enerxías alternativas e en como estas, xunto co esgotamento de determinados elementos e materias primas no planeta, condicionarán o futuro industrial. Nesta sesión participarán Xavier Simón Fernández, profesor do Departamento de Economía Aplica e investigador principal do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, GIEEAH, da Universidade de Vigo e director do Observatorio Eólico de Galicia; Rosa María Regueiro Ferreira, profesora de Economía Aplicada da USC e investigadora especialista en economía das enerxías renovables e Mario Pansera, investigador e director do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo. O debate será presentado e dinamizado por David Esperón Fontán, psicólogo e membro da directiva da Rede para o Decrecemento Eo-Navia, Galiza, O Bierzo e de REAS Galicia.
Xornada de peche: as vantaxes e inconvenientes da economía circular
A derradeira sesión do ciclo, o día 21, centrarase nas vantaxes e inconvenientes da economía circular e da economía entrópica e nas súas limitacións. Neste debate intervirán Miguel Rodríguez Méndez, profesor do Departamento de Economía Aplicada de UVigo e investigador do Governance And Economics Research Network, GEN, xunto con Brais Suárez Eiroa e Mario Pansera, investigador e director, respectivamente, do Post-Growth Innovation Lab da UVigo. O encargado de moderar o debate será Miguel Anxo Abraira, presidente da Rede para o Decrecemento Navia-Eo, Galiza, O Bierzo.
Universidade de Vigo