Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Astronomía, hackers e dereito centrarán a Nerd Nite de abril

Rodríguez Antón, especialista en Astronomía Cultural, pronunciará o relatorio 'Un refuxio no ceo. A memoria do pobo saharauí nas estrelas'. Nos últimos anos, esta investigadora ten realizado traballo arqueoastronómico en construcións de época nabatea en Oriente Próximo, megalíticas na Península Ibérica e monumentos funerarios preislámicos no Sahara Occidental ocupado, así como un estudo etnoastronómico co pobo saharauí de tradición hassania.

'Hackear non é cousa de delincuentes' é o titulo da charla impartida polo investigador do grupo Novos Medios, Alberto Quián. No seu último libro, Civilizacion hacker, o profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC traza a liña evolutiva da cultura e ética hackers, coa cal se explica como e por que xurdiron nos últimos anos fenómenos como WikiLeaks ou Anonymous, o auxe da criptografía ou movementos polo software libre e o recoñecemento do acceso aberto ao coñecemento como dereito humano, entre outros aspectos.

A profesora Belén Trigo é autora de publicacións de carácter estatal e internacional en materia de contratos, responsabilidade, dereitos reais, familia e sucesións. Con carácter transversal, tense ocupado do dereito antidiscriminatorio con especial atención ás cuestións de xénero, idade (xerontoloxía), e orientación e identidade sexual. 'Sex, Rock & Law' será o título da súa intervención.

As Nerd Nites son conversas divulgativas nas que especialistas de diferentes ámbitos dialogan co público das disciplinas que os apaixonan fóra do ámbito académico nun ton distendido e en horario nocturno.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)