Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Así sofre o patrimonio monumental os efectos do cambio climático

Os biofilms ou biopelículas son ecosistemas microbianos asociados a unha superficie viva ou inerte. A formación deste tapiz de microbios que tamén coloniza o patrimonio monumental responde en moitos casos a unha estratexia de adaptación fronte a condiciones ambientais adversas. A investigadora da USC, Elsa Fuentes Alonso, logrou, a partir de datos de campo e de laboratorio, sentar as bases para a caracterización do efecto do cambio climático no deterioro provocado polos organismos formadores de biofilms subaéreos fototróficos no patrimonio monumental construído en granito.

Deste xeito, a investigadora do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC conseguiu afondar nun dos grandes enigmas neste eido investigador: en que medida o cambio climático afectará o biodeterioro dos materiais empregados na construción do patrimonio monumental? O estudo conclúe que o cambio climático podería reducir a biomasa acumulada nos monumentos pero a colonización resistente pode ser máis deteriorante.

Desafío

“Un dos desafíos aos que se expón o patrimonio cultural é o cambio climático, sendo recoñecidos polo menos 125 sitios de especial interese patrimonial como altamente vulnerables”, sinala a investigadora do grupo de Estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultural, na súa tese de doutoramento. “Mentres que o efecto directo que teñen as variacións nos parámetros ambientais que gobernan o cambio climático sobre as infraestruturas e os materiais de construción do patrimonio cultural construído é relativamente coñecido, pouco se sabe do efecto que estes teñen sobre a actividade deteriorante dos biofilms que tapizan as súas paredes”, engade.

Os resultados obtidos contribuíron a mellorar o coñecemento existente sobre os patróns de colonización do patrimonio cultural granítico do noroeste da Península Ibérica, así como a coñecer e entender a resposta dos biofilms colonizadores ante cambios ambientais tales como a redución da dispoñibilidade hídrica, o aumento da temperatura e da concentración de CO2, e os cambios na radiación UVB, e as súas consecuencias en termos de biodeterioro.

Así, aínda que nun futuro próximo é esperable que ocorra unha redución da biomasa acumulada sobre o patrimonio cultural granítico exposto, esta dará lugar a unha maior actividade deteriorante ao ser favorecido o desenvolvemento de cianobacterias fronte a algas verdes, ademais da produción de pigmentos —causantes do deterioro estético—e de exopolisacáridos, favorecedores do deterioro fisicoquímico do material pétreo.

Tribunal e cualificación

A tese titulada ‘Evaluation of the impact of climate change on the deteriorating activity of phototrophic subaerial biofilm-forming organisms on the monumental heritage’ está dirixida pola profesora da Facultade de Bioloxía, Beatriz Prieto Lamas. O tribunal estivo composto por Xabier Pontevedra Pombal da USC, Graciela Paz Bermúdez da UVigo e Nuno Mesquita da Universidade de Coimbra. O traballo recibiu a cualificación de sobresaliente cum laude.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)