Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Atlantic Positive avanza no control e mitigación da avespa velutina

En concreto, o consorcio realizou un radio-seguimento da avespa asiática ata os seus niños e desenvolveu un software para rexistrar os seus movementos, alén dunha páxina web colaborativa para xestións relacionadas coa especie. A maiores, creouse unha plataforma de predición en liña para avaliar o risco de invasión e monitorizáronse os cambios na distribución da especie con ferramentas estatísticas e tecnolóxicas. A definición dun protocolo para a captura, o rastrexo e a vixilancia radioeléctrica do insecto integrou tamén a listaxe de accións executadas no marco do proxecto.

“O principal obxectivo consistiu en evitar unha maior expansión e minimizar o impacto da especie invasora avespa velutina nos ecosistemas e no desenvolvemento socioeconómico do espazo atlántico”, explican dende a coordinación do proxecto. Isto acadouse mediante o establecemento dunha rede de cooperación transnacional para a posta en marcha de actividades conxuntas.

As especies invasoras non entenden de límites políticos. Esténdense polos territorios segundo as súas capacidades biolóxicas e factores ambientais. “É importante crear unha estratexia común para toda a rexión con directrices e procedementos propios”, sinalan. O equipo da USC está integrado por Xulio Maside, Andrés Besalga, Carolina Bartolomé Husson, Carola Gomez Rodríguez e Ana Isabel García.

A maiores, realizouse unha análise molecular de parasitos que poidan afectar á especie invasora. Adicionalmente, desenvolvéronse un congreso científico internacional e unha campaña educativa e levaron a cabo iniciativas relacionadas coa prevención e a sensibilización en Irlanda e Reino Unido. Este proxecto foi aprobado na segunda convocatoria do programa de Cooperación territorial Interreg, Atlantic Area 2014-2020. Financiado ao 75% con fondos FEDER.

Liderada pola Fundación CEER, esta alianza atlántica formada polas universidades de Santiago, Vigo, Trás-os-montes e Alto Douro, Exeter e Cork, a Xunta de Galicia, o Instituto Nacional de Investigación Agraria e Veterinaria de Portugal, o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario e o Instituto Nacional da Investigación Agronómica de Francia contou cun orzamento total de 2,3 millóns de euros.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)