Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

ATLANTIC_SUNSET poñerá en valor o solpor como recurso económico alternativo ao turismo tradicional

Este programa ten como obxectivo apoiar iniciativas innovadoras que contribúan ao crecemento da zona atlántica mediante accións conxuntas e o intercambio de boas prácticas. Este é unha das cinco propostas para as que a USC recibiu financiamento ao abeiro desta convocatoria.

ATLANTIC_SUNSET é o primeiro proxecto europeo que se desenvolve no marco desta temática e constitúe un fito no aproveitamento turístico sostible deste recurso fóra dos grandes destinos de postas de sol europeas. De feito, o proxecto, asentado na experiencia de diferentes grupos de investigación de referencia no ámbito da física e da xeografía, busca “aproveitar non só a beleza natural asociada ás mellores e máis particulares postas de sol do Atlántico senón tamén identificar e valorizar os recursos endóxenos locais asociados ao sol e que se converten nun reclamo patrimonial”, explican.

O proxecto constitúe unha nova oportunidade de desenvolvemento territorial conxunto vinculado á posta de sol e servirá para poñer en valor a costa atlántica do oeste europeo como medio de desenvolvemento económico alternativo ao turismo tradicional, “considerando a complementariedade temporal e espacial, a inclusión e a innovación social”, afirman os responsables do proxecto.

Orixe

A base do proxecto foi un estudo científico que o catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira, realizou arredor das últimas postas de sol de Europa. Grazas ao seu traballo, identificáronse puntos estratéxicos en Galicia e Portugal para a observación dos últimos crepúsculos continentais. Así, no marco de ATLANTIC_SUNSET vincularase a investigación sobre as ultimas postas de sol coa súa coincidencia simbólica e histórica co finis terrae galego e francés, o land´s end de Reino Unido e as súas equivalencias nos casos irlandés e noruegués, alén de “afinar lugares noutras xeografías onde acontece tan particular evento”, engaden. “Isto só sucede en certas localizacións extremas do continente e das illas e cunha estacionalidade moi determinada, converténdoo nun espectáculo que cada ano atrae a máis e máis turistas chamados pola crecente demanda de astroturismo, co compoñente intrínseco de sustentabilidade que esta modalidade implica”, aseguran.

A investigación permitirá afondar nos máis emblemáticos solpores do Espazo Atlántico, os lugares onde o sol se pon máis tarde nun ou máis días durante o año, ademais de analizar o seu impacto no turismo, na cultura e na actividade económica. Deste xeito, identificaranse algúns dos mellores lugares para gozar do intre do crepúsculo, levaranse a cabo estudos en colaboración coas comunidades locais, axentes turísticos e outros axentes de desenvolvemento, e elaborarse un plan turístico que se comercializará entre as redes de visitantes potenciais.

Ademais da USC e da Fundación CEER, integran o consorcio Wireless Galicia e Universidad de Sevilla, en España; Universidade do Porto, en Portugal; Université d´Angers, en Francia; e University of Galway, en Irlanda. Ademais, o proxecto está apoiado por un grupo diverso de entidades asociadas como Turismo de Galicia, CMAT (Costa da Morte), Innovation Norway (Visit Norway), INCITE-CSIC, Associação Nacional de Municípios Portugueses, Visit Cornwall, Mayo Dark Sky Park / Wild Nephin National Park, Technological University Dublin, Turismo de Porto e Norte e Cornwall Council.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)