O convento de Santa Clara, escenario e obxecto de estudo dun curso sobre arqueoloxía da arquitectura

Inserido na programación de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus e promovido coa colaboración da Universidade do Minho, a Deputación Provincial, o Museo de Pontevedra e a empresa A Citania Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio, o curso O estudo interdisciplinar das construcións históricas ten como directores ao profesor do Departamento de Arte, Historia e Xeografía da UVigo Victoriano Nodar e á investigadora da Universidade do Minho Rebeca Blanco Rotea. Ambos foron os responsables de inaugurar este luns, xunto co responsable da intervención arqueolóxica, Rafael Rodríguez, un curso que parte da “oportunidade incrible”, como sinalou Nodar, de poder levarse a cabo o propio espazo "obxecto de estudo”. Así, ao longo desta semana, combinaranse as sesións teóricas na igrexa do convento, cunha serie de prácticas no claustro, que permitirán ao alumnado “facer de novo o mesmo percorrido” realizado polo “equipo interdisciplinar que estivo traballando no edificio antes da súa restauración”, como engadiu Blanco. Deste xeito, esta formación busca formar profesionalmente ao alumnado “na investigación e xestión do patrimonio construído”, un campo, como lembrou Nodar, moi demandado actualmente nos proxectos de restauración e rehabilitación.
No marco deste curso, Santa Clara acolle esta tarde unha conferencia aberta ao público sobre arqueoloxía da arquitectura, a cargo do catedrático da Universidade do País Vasco (UPV/EHU) Agustín Azkárate. Tras trece leccións teóricas e seis clases prácticas, o curso celebrará este venres, ás 13.30 horas, o seu acto de clausura, no que está prevista a participación do vicepresidente da Deputación Rafael Domínguez, da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e dunha representante da Universidade do Minho.
Universidade de Vigo