Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O documental 'Doxandéem, cazadores de sueños' achega á Coruña unha visión transformadora sobre o dereito a migrar

O luns 30 de outubro, ás 18:30 horas, o filme chega á cidade da Coruña, cunha proxección no Fórum Metropolitano. A entrada é libre ata completar o aforo. Tras o visionado da peza, haberá un coloquio coa participación de Djibril Faye e de Said Hamdad, mediadores senegalés e arxelino respectivamente que forman parte do equipo da ONG Ecos do Sur na Coruña.

“Doxandéem, cazadores de sueños”, convida a coñecer unha visión diferente, emocionante e transformadora, sobre o dereito a migrar. Trátase dunha historia narrada a través das vivencias de Mamadou, senegalés, e Laura galega, unha parella intercultural e emprendedora, e as súas viaxes de ida e volta entre Senegal e Galicia. Na actualidade, ambos desenvolven un proxecto coa mocidade de Gandiol (Senegal).

Este documental forma parte da Programación cultural de outono 4x3 da Deputación de A Coruña e presentarase da man da ONGD Ecos Do Sur, que moderará os debates posteriores ás proxeccións. Despois da Coruña, o film viaxará ata Santiago, Ordes e Ribeira.

Sobre o documental

En 2006 un mozo senegalés, como tantos outros, deixou a súa terra natal a bordo dun caiuco, para perseguir o soño dunha vida mellor. Acadou as costas europeas con éxito, pero pronto decatouse da magnitude do cambio: a viaxe acababa de comezar. O verdadeiro

desafío foi desenvolverse nunha terra estrana e chea de obstáculos. Mamadou Dia pasou no estado español nove anos, nos que escribiu un libro, “3052. Persiguiendo un sueño”, no que plasmou a súa utopía de volver ao seu país e traballar para mudar as cousas. E así o fixo. En 2014 voltou, e xunto coa súa esposa, a ferrolana Laura Feal, foron materializando un espacio de creación, de pensamento e de desenvolvemento coa mocidade en Gandiol, a súa aldea natal no norte do país, que hoxe ten eco a nivel nacional e internacional.

O documentalista e músico senegalés, Saliou Waa Gendoum Sarr interesouse nesta historia “porque reflexa a complexidade das migracións, a maxia dos encontros”. Co seu ollar crítico e poético, Sarr acompaña a Mamadou pero tamén a Laura e outras persoas durante cinco anos nas súas pesquisas máis profundas, indagando nas situacións complexas que derivan da mobilidade. ‘Doxandeem’ é unha palabra en wolof que significa persoa errante, camiñante. A obra é un canto á liberdade de movemento e o descubrimento dunha África que se nos presenta lonxana, pero coa que estamos estreitamente ligados e na que se presentan propostas inspiradoras para o mundo global.

ONG Ecos do Sur

Ecos do Sur traballa para que a convivencia entre persoas de orixes diversas e con realidades distintas frutifique nunha sociedade máis próspera, máis xusta e orgullosa da súa diversidade. Por iso, desde 1991 loita contra a exclusión social especialmente vinculada ao acceso a dereitos de cidadanía e participación. Para isto, arma un potente equipo que inclúe a profesionais da sociología, a psicoloxía, o dereito, a educación e a integración social, a orientación laboral, a mediación intercultural, o traballo social ou o xornalismo: algúns dos mellores especialistas en xestión da interculturalidad de Galicia están comprometidos con Ecos do Sur e, xuntos, fan realidade innovadores proxectos de transformación social.
Ecos do Sur