Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Unha exposición explora o uso de material de refugallo na creación artística

“Son dous artistas cuxa obra ten moitísimos puntos de ancoraxe e moitísimas similitudes, pese a que no ámbito da investigación, difiren bastante”, salienta Eiras. Ambos “recollen residuos, despoxos da pegada da humana” para conformar as súas pezas, sinala Eiras, que centra a súa tese de doutoramento “na mediación entre a obra de arte e o espectador”. Ambos, lembra, desenvolven as súas teses no marco da liña de investigación “pintura contemporánea e percorridos urbanos”, baixo a dirección de Ignacio Pérez-Jofre, mais no caso de Fuerte os obxectos atopados dan como resultado unha serie de obras “que remiten automaticamente a pintura”, mentres que nas propostas de Catalán faise máis presente, a xuízo do comisario, a “captura dun instante”, o propio percorrido no que foron atopados os materiais.

Valéndose de múltiples obxectos, desde restos de equipos informáticos a anacos dun aspirador, Fuertes presenta nesta mostra un conxunto de obras coas que busca “un aspecto pictórico, pero tamén unha tridimensionalidade escultórica”, explica. “Interésame que sexan obxectos recoñecibles, pero que o seu conxunto sexa como abstracto”, engade o artista e investigador, quen destaca tamén o interese de que unha exposición que parte do “reemprego de material de refugallo” teña como escenario un espazo ao que se deron novos usos despois de que os procesos para a adxudicación do servizo de cafetaría quedasen desertos. Restos dunha persiana e unha serie anacos dunha estrada levantada recentemente na cidade serviron por outra banda a Catalán para dar forma a unhas instalacións que teñen tamén como punto de partida, recoñece, a pintura. Isto faise patente tanto polos “trazos” que parecen representar os diferentes anacos da persiana como pola “representación dunha pintura universal” trazada cos anacos de pavimento, en obras que, recoñece, forman parte de “procesos abertos de creación”, de tal xeito que en lugar dun resultado final, móstranse “como unha posibilidade entre moitas”, salienta.
Universidade de Vigo