Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

GA-LINK, o rural a golpe de clic

A idea impulsada nun inicio por cinco estudantes do Campus Terra, pero á que na actualidade dan continuidade tres estudantes do grao en Robótica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo pretende “dar a coñecer dunha maneira directa todas as actividades, produtos e todas as experiencias que ofrecen os pequenos pobos de Galicia”.

GA-LINK xurde en resposta, cando menos en parte, ás necesidades advertidas por Juan Hernández, Gabriel Barrigón e Abel Belhaki, tres estudantes procedentes de Albacete, Cáceres e Murcia, respectivamente, que na súa estadía en Lugo botan en falta a dispoñibilidade dunha axenda en tempo real que permita que calquera poida consultar desde o seu móbil que é o que está a suceder ao seu ao redor. Alén desta utilidade particular, GA-LINK ofrece tamén a pequenos concellos, aldeas e empresas unha plataforma aberta para darse e a coñecer e atopar so seu sitio no mapa.

Foi precisamente esa condición de vir desde fóra de Galicia a que dalgunha forma precipitou o nacemento de GA-LINK. “Ao ser de fóra sentimos dunha forma máis radical a necesidade dunha aplicación que nos facilite a estancia nun territorio completamente novo”, explican, ao tempo que comentan que “a miúdo, neste mundo hiperconectado, estamos máis informados sobre o que sucede alén do planeta que na nosa propia contorna”.

A plataforma parte dunha interface moi simple e intuitiva na que calquera usuario pode consultar todos eses eventos, festas e atractivos que pode atopar preto da súa localización. Unha sorte de mapa colectivo no que profundar nas paixóns e afeccións individuais, relatan estes universitarios.

Os promotores de GA-LINK entenden que o carácter aberto, transparente e colectivo desta plataforma pode representar un revulsivo para o rural, pois “estamos diante dunha ferramenta tecnolóxica que ten capacidade para conectar á comunidade local con turistas potenciais, aos que ofrece unha visión completa da oferta existente, o que pode contribuír ao desenvolvemento sostible e ao crecemento do turismo rural na rexión”, detallan.

Futuro da plataforma

Os tres estudantes que lideran o proxecto GA-LINK sosteñen que, a curto prazo, o futuro da plataforma é acabar o MVP (acrónimo en inglés de produto mínimo viable). A partir de aí, confían en presentar a proposta a investidores, pero tamén ao Goberno galego. Con esas bazas debaixo do brazo, estes estudantes do Campus Terra da USC pasarían a potenciar a capacidade da plataforma ampliando o catálogo de pobos, eventos e lugares incluídos en GA-LINK. A longo prazo, entre os seus desexos está chegar a todas as comunidades españolas e, no horizonte final, mesmo ao estranxeiro.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)