Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O xermolo da Primavera Cultural prende na USC con música, teatro, danza, cine, fotografía ou exposicións

O concerto de Gregotechno + Marc Vilajuana o vindeiro 7 de marzo, ás 21.00 horas, na Igrexa da Universidade, será unha das citas máis inmediatas en Compostela, á que lle seguirá, o 11 de abril, a actuación de Caamaño & Ameixeiras, en idéntico horario e escenario. No campus de Lugo, a próxima actuación musical terá lugar o venres 23 de febreiro, ás 19.00 horas, na Praza de Santa María, a cargo de Belém Tajes, Antía Muíño e MJ Pérez. Entre a ampla oferta musical que se desenvolverá nas dúas cidades e que pode consultarse na súa totalidade na web da Primavera Cultural, tamén haberá oco para o coro universitario, así como para a intervención conxunta de coro e orquestra da Universidade.

Faíscas culturais

A Primavera Cultural tamén acollerá diferentes vagas das Faíscas Culturais, intervencións nas aulas da USC arredor de diferentes temáticas e dende múltiples perspectivas que complementan a formación do estudantado coa vontade de prender a reflexión e fomentar o espírito crítico dos e das estudantes. A primeira vaga deste 2024 xirará en torno á figura da actriz Manuela Rey.

Teatro e danza

Logo do Festival Internacional de Teatro Universitario que se desenvolveu en Compostela este mes de febreiro, chegan agora novas iniciativas que teñen a escena como eixo condutor. Así, do 15 ao 21 de abril, Lugo acollerá a trixésima edición do Festival de Teatro Universitario, mentres que do 22 ao 27 de abril, Compostela será a sede da Mostra de Teatro Universitario de Galicia. Ademais, o encontro de Danza da USC chegará a Lugo entre os días 25 e 26 de abril, mentres que en Compostela terá lugar do 15 ao 16 do mesmo mes.

Mostras e formación

Tamén integran a Primavera Cultural as mostras ‘A memoria do deserto’ de Saleta Rosón, ‘Enrique Labarta Pose, a pluma da terra’ e ‘O reino das árbores’ de Luis Rodríguez Camarero que xa poden visitarse no Colexio de Fonseca. A elas súmase a exposición ‘Esencial’ de Jesús Díaz Ferrer, que se atopa na Igrexa da Universidade. No capítulo formativo, a USC oferta diversos cursos de arte dramático no campus de Compostela, mentres que o Curso de Primavera que cada ano acolle o Campus de Lugo xirará arredor da arte urbana.

Cine, fotografía e faladoiros

Os Encontros de Lúa Chea do Campus de Lugo, faladoiros sustentados en datos sobre temas relevantes para a sociedade, mantéñense de novo nesta Primavera Cultural para abordar cuestións como a agricultura e a sustentabilidade. Encontros e certames audiovisuais e de fotografía completan a programación na sede universitaria luguesa.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)