23 espectáculos para a 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

Programación diversa
Fernando Dacosta foi o encargado de expor as características desta edición, agradecendo de xeito especial o compromiso das institucións implicadas na súa celebración e pondo en valor a traxectoria desta mostra. A 29ª Miteu contará con 23 espectáculos, ademais de animación e promoción de rúa e un curso sobre a expresión do clown. Haberá presenza de grupos de Mozambique, Colombia, Portugal e España (Navarra, Castela e León, Madrid, Estremadura, Euskadi e Galicia), estando representadas todas as aulas universitarias teatrais galegas (A Coruña, Santiago, Lugo, Vigo, Pontevedra e Ourense). A programación, que se desenvolverá en diferentes espazos da cidade, contará coa participación de 14 grupos de teatro universitario e nove de teatro profesional-grupos convidados, entre eles Alberto Sanjuan, Quico Cadaval e Aldaolado.
A música tamén terá un protagonismo destacado, con concertos de Budiño, que estreará o seu novo disco Branca vela; Factoría de Subsistencia, The Tetas Van e O Sonoro Maxín. Igualmente haberá espectáculos de danza das aulas dos campus galegos (entre elas a de Ourense) e dunha compañía de Mozambique e unha gala de Pallasos en Rebeldía cuxa recadación irá destinada a Gaza Stars Circus School. O premio da 29 Miteu irá para o Cine Clube Padre Feijóo “polo seu labor fundamental dentro da cultura” da cidade de Ourense.
Ao longo dos días de programación actuarán as aulas de teatro da Universidade de Vigo. Do campus de Ourense participarán as aulas Rosaura, que inaugurará a mostra co seu espectáculo Operación rescate; Cordelia, que representará Retrato dun tremor, e Maricastaña, que pechará esta edición con Desequilibrios. A Aula de Teatro de Vigo traerá a Ourense Soño dunha noite de verán e a de Pontevedra Estupidez artificial. Por último, igualmente estará a aula de danza ourensá, co espectáculo O xardín das danzas.
Universidade de Vigo