Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Chega a Lugo o mellor da danza universitaria galega

De seguido, a compañía de danza da USC achegará ao público a súa proposta creativa interxeneracional ‘Migracións’, coreografada por Rosa Acuña e con dirección artística de Juan Carlos Zahera.

A formación da USC repetirá actuación no mesmo escenario o venres 26, una vez que remate a intervención da compañía de danza do Campus de Ourense da UVigo, que presentará, tamén a partir das 20.30 horas, na Caixa Negra do MIHL, a coreografía ‘Bolero’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Nuria Sotelo.

Danza da USC coa coreografía 'Migracións'

‘Migracións', a nova peza da Compañía de Danza da USC coreografada por Rosa Acuña e con dirección artística de Juan Carlos Zahera, pasou xa polo festival en Compostela, onde tivo unha enorme acollida por parte do público.

A peza reúne por vez primeira as tres compañías de danza da USC -campus de Compostela e Lugo e Sen Vergoña- nunha soa produción que trata das diferentes migracións que se poden dar nun ser humano, dende as células do organismo á supervivencia, cambio, adaptación, aprendizaxe e necesidade que xorden da nosa vida. E todo, nun ir e vir de emocións fiadas por bailarinas de diferentes xeracións que espertan no público unha mistura de tenrura e coraxe na aprendizaxe de que nin os corpos nin a idade son barreiras para un proxecto conxunto.

Na nova produción da USC, a posta en escena acompáñase dunha música e unha iluminación moi coidadas que axudan á súa vez o vestiario, que en si mesmo é pura expresión, realizado polas propias bailarinas a partir das telas das antigas producións do Espazo de Danza, unha maneira real de reciclaxe, creatividade e sustentabilidade.

‘Migracións’ incorpora á danza a voz da bailarina Iria Estévez e a poesía da tamén bailarina Sabela R. Campo. Conforman o resto do elenco Manuela Cividanes, Alexandra Clista, Uxía Felpeto, Aroa García, Ziggi Iglesias, Xonxa López, Arrate Núñez, Sara Sanz, Alicia Collazo, Lucía Fernández, Inés Fernández, Andrea Gil, Ayla Leiva, Sonia L. Pumarega, Loli Besteiro, Minda Méndez, Rosa Menéndez, Sabela R. Campo e Bea Ovalle.

Espazo de Danza da USC

O Espazo de Danza da USC foi no seu día unha iniciativa pioneira na universidade española, concibida como xermolo dun laboratorio de danza contemporánea que, dúas décadas despois, presenta no seu currículo a produción de 40 montaxes coreográficas e a realización de máis de 300 actuacións e intervencións así como a presenza en mais dun centenar de festivais, seminarios, mostras, exposicións e reunións científicas.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)